Hoxe falamos con Lola Gabián Barreiro, bibliotecaria no municipio de Avión.
Bo día, Lola, cóntenos un pouco sobre vostede.
Levo xa traballando 14 anos de bibliotecaria en Avión. Os meus comezos foron coa compañeira que traballaba aquí antes, da que aprendín moito. Estou moi contenta nesta profesión: o trato coa xente, poder estar sempre entre libros, unha gozada!
Como é a realidade dunha biblioteca nun municipio rural como Avión.
Este municipio está espallado en diferentes aldeas, o que fai que para moita xente acudir á Biblioteca non sexa doado por motivos de mobilidade. De todos os xeitos, o número de persoas usuarias é elevado. Neste contexto a relación cos centros de ensino é fundamental. Eu colaboro coa escola de ensino primario: acudo alí unha vez á semana para facer préstamo de libros e actividades de animación lectora. Tristemente, a situación actual, causou que este proxecto se tivera que parar, pero agardo poder retomalo axiña! A rapazada de Avión cursa secundaria en Ribadavia, e a comunicación continua co Instituto é fundamental, así podo anticipar as necesidades informativas e lectoras que terán os rapaces e as rapazas.
Sen dúbida o seu labor é fundamental!
Que destacaría desta profesión?
Como dixen antes, o trato directo coas persoas; tamén saber que o meu labor consiste en ofrecer información e actividades culturais á veciñanza! É moi bonito. A catalogación non é das miñas tarefas favoritas, mais faise levadeiro cando estás mergullada entre libros.
Avión é un concello coñecido pola súa especial relación co tema da migración, pode contarnos de primeira man como se ve reflectido esta parte da historia na Biblioteca.
Temos un fondo moi amplo, e a Deputación envíanos moitos libros, polo que podemos dicir que a colección está moi viva, como debe ser. No verán, que a poboación case se triplica, moitas persoas acoden á Biblioteca buscando libros específicos, e se non os atopan, fan desideratas. Grazas a estas peticións, podemos aumentar a colección con obras que doutro xeito serían case descoñecidas para nós.
Se non estou trabucada, creo que celebran unha festa mexicana, podería contar cal é a dinámica desta celebración?
Si! Celébrase en agosto. Sempre organizamos unha demostración de libros con títulos que traten sobre a historia e cultura dos diferentes países, das persoas que migraron… Ten unha moi boa acollida, pois a xente ten moito interese por saber máis sobre un tema que, en moitos casos, lles é moi persoal e directo.
Que bonito! Seguro que son uns días moi especiais para a veciñanza.
Conte, que outras actividades ofertades desde a Biblioteca?
Participamos cada ano no LER CONTA MOITO; hai tamén un grupo de lectura: reunímonos semanalmente; penso que é unha actividade fundamental nun municipio pequeno, pois é unha actividade de lecer e social da que a xente desfruta moito! En datas sinaladas celebramos diferentes eventos, como por exemplo, un Concurso de Poesía en colaboración co Centro de Ensino, co que se busca incentivar a creatividade da rapazada, cun premio de lotes de libros! A verdade é que estou moi agradecida co ben que sempre responde a veciñanza nas actividades que se propoñen!
No verán, como dixo, a poboación crece considerablemente: este aumento tamén se produce no número de persoas usuarias na Biblioteca?
Si! Por sorte a Biblioteca conta con servizos e materiais axeitados para poder cubrir e satisfacer o incremento de persoas. Do mesmo xeito, o calendario das actividades adecúase ao contexto: por exemplo, LER CONTA MOITO celébrase nos meses de verán que, dada a súa boa acollida por parte da veciñanza, ten lugar dentro dos centos escolares, pois o espazo da Biblioteca queda pequeno.
Unha pregunta case de obriga, que destacaría de formar parte da Rede?
É algo moi positivo: podemos optar a subvencións para adquisicións, e no tema informático a asistencia que se nos presta é moi valiosa para nós.
Toca agora facer un desexo: como é a súa Biblioteca ideal do futuro?
Idealmente, que contase con espazo propio para dar cabida a unha colección que aumenta día a día, e para poder ofertar máis servizos ás persoas usuarias. E por suposto, que o número de usuarios siga crecendo, moi importante para que existan e se manteñan as Bibliotecas no mundo rural.
Despois de facer desexos para o futuro, toca pedir billetes para viaxar. Que bibliotecas visitaría?
Viaxaría á Biblioteca de Nova York, e París, e volvería ás de Lisboa e México, que me encantaron!
Para rematar, díganos Dolores, que recomendación lectora nos fai? E a que actividades da Biblioteca de Avión nos invita a participar?
Recomendo case calquera título de Juan Gómez Jurado, Arturo Pérez-Reverte, Kent Follet, Beto Luaces (que ten títulos que falan da Serra do Suído), Manolo Rivas, Domingo Villar, Agustín Fernandez Paz, Xabier do Campo, Roal Dahl, Ennid Blyton, Pepe Carreriro cos seus Bolechas; Ledicia Costas… podería seguir todo o día! Para as actividades, eu animo a que a xente siga usando e participando das e nas Bibliotecas!
Moitas grazas por participar, Lola!!
Categorías:Bibliotecas, Bibliotecas municipais