Bibliotecas inclusivas: accesibles a todas e todos, 21 de outubro, Santiago de Compostela
O 21 de outubro a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Servizo de Bibliotecas, organiza as II Xornadas de Bibliotecas Públicas de Galicia, baixo o lema Bibliotecas inclusivas: accesibles a todas e todos, no Auditorio 1 CINC – Centro de Innovación Cultural na Cidade da Cultura.
A xornada está dirixida a profesionais das bibliotecas e o prazo de inscrición está aberto do 2 ao 16 de outubro. O obxectivo da iniciativa é crear un espazo de encontro entre os profesionais que desenvolven o seu traballo diario nas bibliotecas públicas de Galicia.
Co lema Bibliotecas inclusivas: accesibles a todas e a todos, a II Xornada pretende destacar o importante papel que deben desempeñar as bibliotecas como espazos accesibles e integradores das persoas con diversidade funcional.
Os eixes arredor dos que xirarán os relatorios serán:
- Accesibilidade universal (física, cognitiva e sensorial): fomentar a autonomía das persoas nos espazos da biblioteca.
- Fondos documentais accesibles: adaptados ás diversas necesidades lectoras e audiovisuais: lectura fácil, lingua de signos, letra grande, linguaxe pictográfica, audiolibros…
- Servizos integradores: adaptar os servizos tradicionais e proporcionar servizos adaptados a colectivos con discapacidade.
- Formación do persoal: a importancia de formar o persoal na atención á diversidade.
Logo da boa acollida da primeira edición da Xornada de Bibliotecas Públicas do ano 2018, neste 2019 búscase encamiñar este espazo de reflexión e encontro dos profesionais das bibliotecas galegas cara ás bibliotecas inclusivas. Estas demandan unha necesaria adaptación dos espazos, as coleccións, os servizos e os profesionais para dar resposta aos retos que presenta a sociedade actual.
Como novidade, esta edición acolle experiencias reais que exemplifican os contidos teóricos que se presentan neste encontro.
A Xornada pecharase coa entrega da segunda edición do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2019, posto en marcha pola Xunta de Galicia no 2018.
Categorías:Bibliotecas públicas, Xornadas e Congresos