Obradoiro para persoal de bibliotecas no I Congreso de Mediación Lectora do Salón do Libro Infantil de Pontevedra con Soledad Felloza
A Compañeira María José Villar da Biblioteca de Chapela envíanos unha crónica do que foi o Obradoiro impartido por Soledad Felloza, celebrado o pasado 21 de abril, no Salón do Libro de Pontevedra dentro do I Congreso Internacional de Mediación Lectora.
Mulleres de Conto foi o tema que este ano centraba o Salón do Libro Infantil de Pontevedra, e sen dúbida unha das grandes mulleres de conto da nosa xeografía galega, coa que tivemos o pracer de aprender e tomar inspiración este sábado foi a coñecidísima actriz e contacontos Soledad Felloza.
Esta é a terceira ocasión na que Bamad Galicia oferta unha actividade de encontro e de formación para o persoal das bibliotecas. As anteriores, Imos cazar un oso, coa profesora de literatura e contacontos Alexia Dotras, en 2016, e Máis alá dos estantes, coa actriz e contadora Bea Campos, no 2017, resultaron de grande satisfacción para os/as seus participantes.
Este ano a proposta para os nosos socios foi diferente, xa que a nosa actividade se integraba dentro do I Congreso de Mediación Lectora que ofertaba o Salón do Libro, como un dos seus obradoiros. É por iso que a sesión, de dúas horas de mañá e mais dúas de tarde, foi máis curta, pero non menos interesante.
De Soledad Felloza admiramos a súa versatilidade, e a súa longa experiencia todoterreo. A súa bagaxe viaxeira e mais a súa camiñada como narradora oral cos públicos máis heteroxéneos faina un valor para aportarnos seguridade e moita sabedoría.
Ademáis de darnos consellos para narrar ou para facer actividades de dinamización lectora, Soledad falounos de literatura, e amosounos parte da súa riquísima e moi envexable colección de contos, dos que, como non, tomamos boa nota para poder incorporar aos nosos estantes.
Dada a resposta satisfactoria de todas as persoas participantes (moitos deles repiten de anos anteriores), agardamos poder seguir repetindo esta actividade no Salón do Libro e así aproveitar os grandes acontecementos no mundo do libro que as institucións nos ofertan para facer un oco para a voz e a participación do persoal das bibliotecas.
Que se nos escoite e que se nos agarde en todos os foros sobre a lectura e o libro, e que sexa por moitos anos máis.
Grazas ao Salón do Libro pola oportunidade, e a Bamad pola súa implicación.
Categorías:Actividades Bamad, Bibliotecas, Formación Bamad, Noticias Bamad