Obradoiro de mediación lectora para bibliotecarios no XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
“O mundo que queremos”, esta é a temática do XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, exitoso evento entorno á literatura infantil e xuvenil que se leva celebrando dende 1999 na cidade do Lérez. E nese mundo que queremos, as bibliotecas e o seu persoal pensamos debemos ocupar un importante lugar.
De novo este ano a través da asociación BAMAD Galicia, os bibliotecarios e bibliotecarias tivemos ocasión de formar parte deste importante evento relacionado coa LIX, a través dunha actividade ben axeitada para a nosa profesión.
Na edición anterior do Salón, BAMAD achegounos as primeiras estratexias de animación lectora, coa profesora e especialista en literatura infantil Alexia Dotras, e o seu obradoiro “Imos cazar un oso”. Daquel ano traballaramos fundamentalmente co álbum ilustrado, e desenvolvimos estratexias de comunicación e narración en público.
O obradoiro deste ano foi chamado “Máis alá dos estantes”, e foi realizado pola coñecida actriz, contadora e recopiladora da tradición oral, Beatriz Campos. Bea Campos conta cunha longa experiencia de traballo nas bibliotecas, e sabe do que falamos e o que precisamos nas bibliotecas que traballamos coa LIX.
Bea foi quen de xuntar diversión (a raudais) con contidos moi axeitados e completos. A xornada comezou cunha recopilación de ideas raras e xeniais de animación lectora de diferentes bibliotecas polo mundo, e coa oportunidade de que cada un dos participantes do curso puderamos achegar algunha na que tiveramos participado.
A continuación fixemos un rápido pero ben atinado repaso polo conto tradicional, diferenciándoo do libro de hábitos e do álbum ilustrado, todos eles ben axeitados para contar en público, pero que requiren diferentes estratexias.
A nosa profesora da actividade recomendounos encarecidamente a páxina web de Orella Pendella, onde se recopilan multitude de ditos, recitados ou cancións infantís tradicionais. Un material que, sen dúbida, os bibliotecarios/as estamos chamados a mimar e conservar.
Tras toda esta introdución teórica, o tempo pasárasenos voando, e veu o momento de visitar o Salón, onde poderiamos recoller multitude de ideas temáticas, creativas e didácticas que nos poderán servir para as bibliotecas.
Gustounos o espazo de cooperación (abofé que cooperamos!), o da diversidade e, como non, o recuncho adicado á relaxación e a afectividade (quedamos coma novos!). Ademáis, aproveitamos a ocasión para saudar a Orbil, a famosa mascota lobeira do Salón do Libro.
Na sesión da tarde practicamos con aspectos como a expresión corporal, a voz e a improvisación, para finalmente…
aínda que non queriamos…
Finalmente estabamos todos contando contos.
Estabamos encantados!
Foi, en opinión de todos os participantes, unha actividade divertida, motivadora e moi completa, que nos aportou unha visión moito máis ampla e máis atinada sobre a literatura infantil e sobre o noso papel como mediadores culturais.
Agardamos poder repetir en futuros anos, pois sobre a LIX hai moito que aprender. Agradecemos enormemente a oportunidade que nos brinda o Salón do Libro Infantil de Pontevedra, ao que lle desexamos moitos anos máis de éxitos na animación á lectura. E felicitamos a Bea Campos por ser unha mestra e condutora da actividade tan intensa, motivadora e xenial.
Ata a próxima!
Por María José Villar Fernández
Biblioteca de Chapela-Redondela
Coordinadora do obradoiro
Categorías:Bibliotecas, Formación Bamad, Libros e Leitura, Noticias Bamad
Quedei de pasarvos a info deste libro no que, entre outras historias, se conta como foi o primeiro encontro dos tres porquiños co lobo:
25 cuentos para leer en 5 minutos, Ed. Beascoa, 2012.
Contos realmente breves que creo que servirán para darlle un “punto” a calquera sesión na que queiramos revisar algún dos contos tradicionais aportando un novo punto de vista (outro momento da historia, a orixe dunha lenda, etc.).
O curso estivo xenial!
Grazas Mónica, enviamos tamén o teu comentario ás persoas participantes do curso 😉