O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2016 volve reducir, esta vez un 3,39%, a partida dedicada a Arquivos. Desde o ano 2012 a redución foi dun 44%
Estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros e seguen a reducir as posibilidades de levar a cabo unhas políticas arquivísticas adecuadas á realidade do noso país.
Os centros dependentes e xestionados pola Xunta de Galicia carecen de infraestruturas para exercer as súas funcións e de persoal suficiente, déficits que con este orzamentos xa se fan crónicos.
Nin sequera nun ano electoral as partidas medran, aínda que chama a atención a redución de case todos os conceptos para mellorar a partida dedicada a actividades de difusión. Isto, terá que ver co ano electoral?
A lei de arquivos aprobada en 2014 tampouco parece que estexa a remediar os problemas. Nesta lei está previsto que no prazo de seis meses desde a súa publicación, a Xunta de Galicia regulará a organización e funcionamento do Consello de Arquivos de Galicia e do Consello de Avaliación Documental de Galicia. E este prazo cumpriuse en abril do 2015, e seguimos sen regulación.
Tamén neste mes de outubro cúmprese o prazo establecido (un ano desde a entrada en vigor) para que consellaría competente en materia de cultura lle propoña ao Consello da Xunta de Galicia a aprobación dun Plan de Arquivos, que avaliará as necesidades de persoal e de infraestruturas dos arquivos do Sistema de Arquivos da Xunta de Galicia, e de momento non coñecemos nada dese plan.
Nesta situación, os profesionais reclamamos da Xunta de Galicia un esforzo en materia de orzamentos para arquivos e que cese esta asfixia económica que supón a mingua orzamentaria,que segue a deteriorar os servizos públicos.
Cadros comparativos e gráficos dos últimos cinco anos
Partidas | 2016 | 2015 | 2014 | 2013 | 2012 |
Bolsas para conservación do Patrimonio documental en arquivos (4801) | 107.406 | 107.406 | 107.406 | 107.406 | 111.762 |
Maquinaria, instalacións e utensilios de arquivos. adquisicións (6231) | 4.972 | 14.972 | 14.972 | 14.972 | 24.000 |
Mobiliario e útiles de arquivos (6252) | 8.835 | 8.835 | 8.835 | 8.835 | 25.000 |
Proxectos e informes e dirección en materia de arquivos (6283) | 18.750 | 30.000 | 60.000 | 60.000 | 167.058 |
Adquisicións e restauración do patrimonio documental (6284) | 10.850 | 75.000 | 75.000 | 75.000 | 122.285 |
Movemento e traslados de fondos documentais (6285) | 0 | 2.100 | 2.100 | 2.100 | 3.907 |
Publicacións en materia de arquivos (6286) | 6.095 | 14.095 | 14.095 | 14.095 | 23.000 |
Obras de conservación de arquivos (6321) | 23.000 | 30.000 | 30.000 | 30.000 | 36.445 |
Actividades difusoras e de promoción de arquivos e patrimonio documental (6404) | 141.250 | 50.000 | 50.000 | 50.000 | 60.000 |
Total | 321.158 | 332.408 | 362.408 | 362.408 | 573.457 |
Comparativas:
Orzamentos para Arquivos evolución
Orzamentos Arquivos detalle e total
Categorías:Arquivos, Noticias Bamad