Anabad Galicia, Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia, quere comunicar a súa opinión ante a “crise institucional” desatada con motivo da xestión da Biblioteca Central de Vigo.
Como entidade que agrupa aos profesionais das bibliotecas, cremos que se lle está facendo un fraco favor á cidadanía e ás bibliotecas públicas, e nomeadamenta á Biblioteca Central de Vigo, que se ve mergullada nunha polémica, da que nin a cidadanía nin os traballadores deste servizo público son merecedores, de ver cuestionada a súa existencia e a súa continuidade. Polémica aireada aos catro ventos na prensa que en nada favorecen a valoración deste servizo e o seu funcionamento.
Sen entrarmos a valorar quen ten razón nas reclamacións sobre a biblioteca, se o Concello ou a Xunta, cremos que se debe dar resposta a moitos interrogantes aos que as administracións están obrigadas a responder:
- A cidade de Vigo debe contar cuns servizos bibliotecarios públicos de calidade para atender á cidadanía.
- A biblioteca Central de Vigo e a Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas, como únicas bibliotecas públicas da cidade, non chegan para atender á maior cidade do país cunha poboación que supera os 200.000 habitantes. Tanto a Xunta como o Concello deberían tomar cartas neste asunto.
- A Xunta debe desenvolver a Lei 5/2012 de Bibliotecas que entrou en vigor en xullo de 2012 e que entre outros aspectos obriga a:
- Crear o Consello de cooperación bibliotecaria de Galicia que poría en marcha un sistema de colaboración institucional sobre os servizos bibliotecarios no que estarían representados Xunta, concellos e deputacións, colaborando entre todas para dotar de máis e mellores servizos á cidadanía.
- Elaborar e publicar o Mapa de Bibliotecas de Galicia que recoñece que tipo de bibliotecas deben existir e que tipo de servizos deben ofrecer á cidadanía. (Segundo a Lei de biblioteca debía ser aprobado aos seis meses de entrada en vigor da Lei, en xaneiro de 2012, e nestes momentos aínda continúa sen aprobar).
- Elaborar e publicar os Estándares de bibliotecas públicas. Este documento é o que servirá para indicar que requerimentos terá que cumprir cada tipo de biblioteca en canto a instalacións, fondos, persoal, etc.
Mentras as institucións non cumpran a súa obriga co desenvolvemento da Lei de Bibliotecas e a xestión e mantemento dos servizos públicos, estarán propiciando que polémicas como a actual se repitan no futuro.
Cremos que este tipo de polémicas deben resolverse nun marco de colaboración institucional, e non de enfrentamento, contribuíndo a resolver os problemas da cidadanía e a mellorar as bibliotecas públicas.
Anabad Galicia ofrece a súa colaboración a todas as administracións públicas para manter e mellorar os servizos de bibliotecas de Galicia.
Na Coruña a 11 de Decembro de 2013
A Xunta Directiva de Anabad Galicia
Categorías:Bibliotecas públicas, Noticias Bamad
1 reply ›