O próximo día 9 de xuño, celébrase o Día Internacional dos Arquivos, que conmemora a creación, o 9 de xuño de 1948, do Consello Internacional de Arquivos (ICA/CIA), pola UNESCO.
A data escollida pretende resaltar e facer visible o valor dos Arquivos ao servizo da xestión de documentos, da información e dos dereitos da cidadanía, da investigación, da preservación da memoria e da transparencia.
Con tal motivo, ANABAD – Galicia desexa manifestar ante a comunidade arquivística e ante os responsables políticos que, en Galicia aínda temos moito camiño por percorrer:
- Demandamos dos nosos representantes públicos que as políticas arquivísticas formen parte dos seus programas e que as súas propostas sexan resultado de estudo e reflexión e non da improvisación que supón dar resposta á actualidade.
- Precisamos, e demandamos unha vez máis das nosas autoridades a creación do Sistema Galego de Arquivos, que cree os centros, os dote de persoal e marco lexislativo que garanta a eficiente xestión administrativa, os dereitos e deberes da cidadanía, a preservación da memoria e a transparencia.
- Manifestamos o noso convencemento pleno de que os Arquivos son ferramentas estratéxicas para as administracións públicas, capaces de facilitar a optimización da súa eficacia e produtividade.
- Coñecemos que os arquiveiros son pezas fundamentais para a implantación, organización e desenvolvemento efectivo da administración electrónica cara á que avanzamos a cotío.
- Entendemos que as administracións públicas deben avanzar no camiño de desclasificar documentos e favorecer o acceso á información por parte da cidadanía e da investigación.
- Sabemos que non hai transparencia posible sen custodia, conservación e acceso á información, que nos permitan obter máis e mellor calidade democrática.
- Reivindicamos o papel central dos arquiveiros na recollida, xestión, custodia, conservación e difusión dos documentos, e o seu dereito, no ámbito público, a unha carreira administrativa recentemente minguada.
- Lembrámoslle ás empresas e ás corporacións que as posibilidades de negocio vincúlanse tamén á organización, difusión e control da información que fan os profesionais.
- Garantimos a nosa decidida vontade de continuar traballando como ata o de agora, polos arquivos e polos arquiveiros, polo recoñecemento do seu papel no ámbito das organizacións públicas e privadas, e pola visibilidade do seu silencioso e eficaz traballo.
Xunta Directiva de ANABAD – Galicia
Xuño de 2013
Categorías:Arquivos, Cultura e Patrimonio, Noticias Bamad
1 reply ›