Día mundial dos Arquivos 2012


Manifesto de ANABAD-Galicia con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos

O 9 de xuño de 2012, Día Internacional dos Arquivos, en ANABAD Galicia será un día para:

Seguir a defender que o traballo dos arquiveiros do sector público é fundamental para garantir a transparencia do funcionamento das institucións e mellorar a calidade da nosa democracia.

Seguir a demandar das administracións públicas a adecuada atención dos arquivos para o mellor funcionamento dos servizos públicos e para garantir a transparencia da xestión pública.

Seguir a manter que no momento actual o traballo que se desenvolve nos arquivos é unha ferramenta estratéxica para conseguir unha maior eficacia e produtividade de todas organizacións.

Seguir lembrando á empresa e ás corporacións que as posibilidades de negocio vincúlanse tamén á organización, difusión e control da información que fan os profesionais.

Seguir a recordar ás administracións públicas que o papel dos arquiveiros é clave para a organización e o desenvolvemento da administración electrónica á que nos incorporamos dia a dia.

Seguir loitando contra decisións como a paralización da desclasificación de documentos de 1936 a 1968 por parte do Ministerio de Defensa, porque debemos perseverar na transparencia administrativa.

Seguir a reclamar unha lexislación que reflicta estas demandas.

Seguir a traballar pola defensa dos arquivos e dos profesionais que os atenden.

O 9 de xuño Día Internacional dos arquivos, será outro día para que os  arquiveiros, como todos os días, sigamos a traballar polo futuro.

Na Coruña a 8 de Xuño de 2012

A Xunta Directiva de ANABAD-Galicia

Declaración Universal sobre os Arquivos

Algunhas actividades para este día:

  • Xunta de Galicia:

Nova web do Sistema de Arquivos de Galicia

  • Arquivo de Galicia:

Mostra conformada por fondos públicos procedentes da Real Audiencia de Galicia, da Audiencia Territorial da Coruña, da Delegación Provincial de Economía e Facenda, e do Goberno Civil da Coruña. E tamén fondos privados, como o manuscrito do Divino Sainete, de Curros Enríquez, ou a carta autógrafa de Emilia Pardo Bazán a Andrés Martínez Salazar. Ademais forman parte da exposición a colección de documentos en pergameo do arquivo, a colección cartográfica e a fotográfica, con imaxes da inauguración da liña do ferrocarril á Coruña, en 1883.

  • Arquivo Histórico Provincial de Ourense:

Xornada de portas abertas na sede da rúa Hernán Cortés 2, con visitas ás 12.30 hs. e ás 18.30 hs. nas que se amosarán distintos documentos relacionados co “Bicentenario da Constitución de 1812”.

  • Arquivo Histórico Provincial de Lugo

Día 8 inauguración da exposición titulada: “Urbanismo en Lugo, 1917 -1970”, concibida como unha continuación da outra mostra sobre a cidade celebrada polo arquivo, (“Casas e rúas de Lugo, 1850-1920. A conformación da cidade actual”) na que se mostrará unha escolma de documentos ilustrativos da evolución da cidade neste período.

  • Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra

Xornada de Portas Abertas e Charla-Conferencia o venres, 8 de xuño.

  • Arquivo Xeral da Xunta en Lugo

O día 11 de xuño organizará visitas guiadas ás 10 horas e ás 12 horas dirixidas aos empregados públicos, posibles usuarios deste centro. Os interesados deberán dirixirse ao Arquivo Xeral da Xunta en Lugo, segundo andar, no edificio administrativo. Teléfono: 982 294 240

  • Concello de Pontevedra

Presentación do “Libro de Consistorio.1560-1563”, transcripción das actas municipais, realizado polo Arquivo Municipal. Participarán na presentación: Carmen Corgo, Miguel Pereira e Enrique Sotelo (arquiveiros), e o historiador Gonzalo Fernández Suárez. Na Casa das Campás (rúa de Don Filiberto), o 7 de xuño ás 20 horas.

Programación dos Arquivos estatais

Categorías:Arquivos, Noticias Bamad

1 reply

  1. Que opina Anabad Galicia de que o novo portal de arquivos so permita o acceso ao Opac se usas Explorer, e non funcione con Chrome, nin con Firefox nin con Opera?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.