
O venres, día 9 de xuño, celébrase o Día Internacional dos Arquivos.
Concibido na súa orixe coma unha efeméride para tentar que a cidadanía os recoñeza como garantes dos seus dereitos, como fontes de información e como custodios patrimoniais, vense conmemorando, a iniciativa do Consello Internacional de Arquivos (ICA), desde 2004.
Este ano, unha vez máis, estamos na semana do 9 de xuño, e os arquivos de Galicia, igual ca outros moitos, programan actividades para celebralo baixo o lema #ArquivosUnidos coincidindo ademais co 75 aniversario da creación do ICA.
Desde BAMAD Galicia, apoiamos o traballo dos arquivos e arquivistas non só puntualmente, cando hai eventos que celebrar, senón a cotío, tanto nas actividades de difusión como no resto dos traballos que neles se realizan.
E como apoiamos arquivos e arquivistas, demandamos para eles tamén nesta Semana Internacional dos Arquivos políticas públicas que os poñan en valor, apoio decidido, locais axeitados, persoal suficiente, medios económicos, integración e non discriminación.
Celebremos a Semana Internacional dos Arquivos. Noraboa á profesión polo traballo.
Categorías:Arquivos, Noticias Bamad