Un fantasma percorre Europa: NON á censura nas bibliotecas


Dende hai varias semanas estamos asitindo a numerosos actos de censura contra as bibliotecas e as súas coleccións, como o acontecido en Borriana, provincia de Castelló, onde o seu concelleiro de Cultura ordenou retirar diversas revistas en valenciano. Ante isto, o COBDCV (Col·legi Oficial de Bibliotecaris i Documentalistes de la Comunitat Valenciana) emitiu un comunicado que podedes consultar na seguinte ligazón:

Pola súa parte, FESABID fixo un chamamento a todas as bibliotecas e centros de información para que durante esta semana empreguen nas súas redes sociais imaxes de bibliotecas contra a censura e ademais emitiu a seguinte declaración, á que nos queremos sumar dende BAMAD Galicia, e que reproducimos a continuación:

Un fantasma percorre Europa: NON á censura nas bibliotecas

“A frase ‘Un fantasma percorre Europa’ (usada por diferentes latitudes xeográficas e políticas) vense empregando e pervertindo durante décadas -e algún século- para advertir da chegada e difusión de diferentes ideoloxías e derivas extremas que poñían en ‘perigo’ un status quo establecido.

Fará unhas semanas -e xa no noso territorio- poderíase adaptar a frase a “Un fantasma percorre España” para destacar que unha nova onda de accións ou decisións políticas de tinte autoritario e excluínte se están a producir no ámbito da cultura.

Nas últimas semanas, un fantasma moi real encargouse de interrompir eventos musicais ou cancelar a produción de obras teatrais.

A última ‘aparición’ foi para perpetrar un denigrante acto de censura para retirar fisicamente, que non cancelar a subscrición, de revistas infantis e culturais da biblioteca pública de Borriana (Comunitat Valenciana). A presencia desas revistas na biblioteca debíase, obviamente, a criterios profesionais en tanto que esta retirada non ten ninguhna base obxectiva excepto una decisión persoal derivada de motivos políticos, en definitiva, dun acto de censura: o profesional argumentario para esta decisión foi denunciar e acusar ás revistas como propaganda pancatalanista, é dicir, que eran revistas producidas e editadas en lingua catalana ou valenciana. Un insulto, sobre todo, cando ese idioma é o propio e xenuino dese territorio.

Este último exemplo pode sumarse a outros previos de cancelación de subscricións, retirada de títulos, censura de temáticas como a igualdade ou fondos de libros lgtbiq+…

FESABID, como Federación que agrupa, entre outras, asociacións e colexios profesionais do ámbito da biblioteconomía e da documentación, considera que esas operacións ou accións de censura activa e militante son un ataque aberto á liberdade de expresión e de pensamento, así como de acceso á cultura. Dereitos fundamentais que emanan da Constitución, así como do ordenamento máis global como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Tamén se podería citar e referenciar todo o ordenamento xurídico autonómico, que emana destas Normas Fundamentais, e que supoñen unha salvagarda para eses dereitos, pero non o consideramos necesario.

O obxectivo esencial deste comunicado é outro e dobre.

En primeiro lugar, apoiar ao mundo bibliotecario na defensa irrenunciable dos dereitos da cidadanía a poder dispor de calquera información e cultura libre de censura. En segundo lugar, advertir que non toleraremos nin cesaremos en denunciar calquera tipo de atropelo ás libertades de pensamento, expresión e acción que teñan lugar nas bibliotecas (sexan escolares, públicas, universitarias ou patrimoniais). Neste caso é preciso lembrar que as bibliotecas públicas representan un dos maiores logros das sociedades libres e democráticas no desenvolvemento e plenitude dos dereitos sociais e culturais.

Por último, e non menos importante, desde a Federación queremos manifestar a nosa preocupación. Non só polas situacións ou accións futuras en contra das libertades máis elementais senón pola ausencia (triste e incomprensible) de medidas, na maioría dos programas dos partidos políticos que concorren nas próximas eleccións xerais do 23X, que protexan de forma clara e diáfana o acceso libre da cidadanía a calquera manifestación cultural, informativa e lúdica que estea presente en bibliotecas de calquera tipo”.

#NonaCensuranasBibliotecas

Categorías:Sen clasificar

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.