8 de marzo de 2023, Día da Muller traballadora. Pola eliminación das desigualdades de poder tamén nos nosos ámbitos profesionais


Para BAMAD-Galicia o día 8 de marzo é un día de reivindicación. Como en anos anteriores este ano seguimos traballando pola igualdade de xénero, por unha igualdade que vaia máis alá da igualdade de dereitos e que se enfoque á eliminación de desigualdades de poder, de asimetrías e de xerarquías sexo-xénero, tamén nos nosos ámbitos profesionais.

Unha igualdade que faga dos arquivos, bibliotecas e museos espazos de diálogo e comunicación, que conformen unha memoria social participada e sustentada pola sociedade á que serve, onde teñan voz non só as persoas expertas; queremos uns centros da memoria que baseen a súa esencia na formación dun patrimonio de e para as persoas, abertos, próximos, confiables, que superen dinámicas institucionais e que integren á metade do mundo.

Para conseguilo precisamos dunhas políticas públicas que desenvolvan a perspectiva feminista nos centros, unhas políticas que revisen as técnicas das nosas profesións, que xeren dinámicas de traballo interdisciplinares para a mellor integración e posicionamento das mulleres nos arquivos, bibliotecas e museos, unhas políticas que requiren recursos suficientes para a súa implementación.

Desde a Asociación animámosvos a participar nos actos reivindicativos deste día!

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.