Comunicado de Bamad Galicia ante a crise sanitaria producida pola COVID-19


COMUNICADO DE BAMAD GALICIA ANTE A CRISE SANITARIA PRODUCIDA POLO COVID-19

A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, BAMAD Galicia, ante a situación actual xerada pola crise sanitaria provocada polo COVID-19, e á vista da RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, publicada no Diario Oficial de Galicia 49 BIS do xoves, 12 de marzo de 2020, https://www.xunta.gal/dog/Publicados/excepcional/2020/20200312/2255/AnuncioC3K1-120320-1_gl.html, facemos constar a nosa disconformidade coas directrices indicadas para as bibliotecas da Comunidade Autónoma Galega.

A resolución establece no Punto Primeiro: medidas preventivas, apartado d) Ensino universitario:

  • As bibliotecas universitarias poderán admitir alumnado ata un terzo da súa capacidade, co fin de posibilitar a separación dos usuarios e dificultar a transmisión do virus.

Así mesmo, no Punto Primeiro: medidas preventivas, apartado h) Equipamentos culturais indícase:

  • Suspéndese a apertura ao público de museos, arquivos e outros equipamentos culturais dependentes da Administración autonómica. No caso das bibliotecas, poderán permanecer abertas, limitando a súa capacidade ata un terzo do máximo permitido co fin de posibilitar a separación dos usuarios e dificultar a transmisión do virus. Así mesmo, recoméndase ás demais administracións titulares de equipamentos culturais a inmediata adopción de medidas semellantes.

De que maneira se establecerá o control para non superar o aforo dun terzo do máximo de capacidade das bibliotecas? Tendo en conta que o se establece o peche das ludotecas e espazos infantís, as bibliotecas permanecerán abertas pero pechando os espazos infantís? Descontarase do aforo máximo dos edificios a cantidade de persoas que poderían albergar os espazos infantís? Como distinguimos o servizo que temos que prestar por urxencia daquel servizo que pode esperar a recuperar a situación de normalidade?

Esta asociación considera que as directrices establecidas son canto menos confusas para os equipamentos culturais, mantendo uns centros pechados e outros con servizos limitados. Por outra banda, non entendemos que as autoridades establezan medidas de protección para todo os empregados públicos e manteña aos empregados públicos das bibliotecas universitarias e públicas en situación de risco ademais do posible perigo para as persoas usuarias. Polo que entendemos que as bibliotecas tamén deberían permanecer pechadas ao público nestes días.

Entendemos tamén que é imprescindible a dotación aos arquivos, bibliotecas e museos xestinados pola Xunta de Galicia de materiais hixiénicos e desinfectantes.

Pensamos que estas medidas axudarán a clarificar os protocolos de actuación e a que todo o persoal destes centros colabore da mellor maneira na resolución desta situación.

Na Coruña a 13 de marzo de 2020

 

Categorías:Noticias Bamad

1 reply

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.