Barómetro: Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España 2018, FGEE, 2019
Acaba de ser presentado o barómetro de Hábitos de lectura y compra de libros en España, 2018. Este barómetro que retomou o seu traballo despois do salto que houbo entre os anos 2012 e 2017, permite agora comparar os resultados co estudo do ano anterior (2018) do que fixemos mención e analizamos neste blogue, sobre todo no que respecta á lectura en Galicia e en galego e ás bibliotecas públicas.
Como no anterior barómetro vamos centrarnos nos resultados para Galicia que comezan a producir comentarios sobre a análise da nosa realidade como o realizado pola Asociación Galega de Editores que alerta da pouca xente que escolle a nosa lingua á hora de ler (un 4%). A AGE sinala:
Demandamos, unha vez máis, políticas efectivas, reais e transversais de fomento da lectura en galego. A nosa lingua é un patrimonio único que debe ser preservado e potenciado de maneira decidida. Conéctanos co mundo, porque nos fai singulares e vivos, e debe ser prestixiada.
Contamos tamén co artigo que Cultura Galega no que indica que o Barómetro indica un aumento xeral de lectores.
Aínda que concordamos coa demanda da AGE, temos que sinalar que todos as institucións e entidades temos responsabilidade, evidentemente unhas máis que outras, e que o papel das bibliotecas públicas debería ser importante, por non dicir fundamental, na promoción da lectura, principalmente na nosa lingua, e da potenciación do uso das bibliotecas, que neste barómetro perden importancia con respecto aos datos do ano anterior.
Vamos tentar analizar brevemente algúns datos que nos interesa salientar do que atinxe á situación en Galicia e ás bibliotecas.
Comparando co último barómetro aumentan o número de lectores e de lectura (só de libros e de web. En todos os demais tipo de lectura baixa a lectura). O 59,6% dos galegos e galegas len (2,2 puntos por baixo da meia do estado de 61,8%). Diminúe o número de persoas asociadas ás bibliotecas e o número de visitas ás mesmas.
O dato xeral de aumento de lectores non nos debe levar a ocultar os datos que nós consideramos mellorables, sobre todo no que respecta á lectura na nosa lingua e ao uso e papel das bibliotecas no fomento da lectura pública, que pasamos a comentar a continuación.
Lectores por lingua:
Le habitual ou ocasionalmente en galego un 3,5% dos entrevistados (o 72,4% dos entrevistados galegos). Porén, só un 4% dos lectores galegos prefiren ler en galego.
Sobre a lingua do último libro lido polos entrevistados galegos só un 7,3% o fixo en galego. Os motivos polos que non o leu noutra lingua foron: ao 42,8% resúltalles máis fácil en castellano, e o 39,1% non o pudo encontrar en galego ou non está editado na nosa lingua.
Galicia está por baixo da media estatal na compra de libros con 7,3 libros comprados ao ano. O 8% do último libro comprado en Galicia foi en galego (aumentando con respecto ao 2017 no que foi o 4,8%)
No caso dos lectores infantís recóllese que nos menores de 6 anos o 5,2% faino en galego (1,4% en 2017) e dos que teñen entre 6 e 9 anos o 4,2% o fai en galego (2% en 2017). O dato de lectura en galego desaparece do barómetro entre os maiores de 10 anos.
Compra de libros e lingua:
A compra de libros aumenta en todo o estado. Galicia está por baixo da media de compra en canto á media de libros non de texto adquiridos. A compra de libros adquiridos en galego aumentou se atendemos á lingua do último libro adquirido no que un 8% o fixo en galego (4,8% en 2017)
Busca de información:
Busca de información sobre a lectura en menores:
O barómetro recolle os hábitos de busca e información sobre lecturas para nenas e nenos. O 40% das nais e pais buscan información sobre lecturas recomendables para menores de 9 anos. Na enquisa de 2017 non se recollía nesta pregunta específica se a busca de información era en bibliotecas. Este a ano o cuestionario foi subsanado e foi incluída esta opción de resposta. Sen embargo non deixa de ser preocupante que só un 3,8% dos pais e nais busquen a información para menores de 6 anos nas bibliotecas e que o dato aparece sen información para os de 6 a 9 anos.
Busca de información en toda a mostra:
As bibliotecas supoñen o 3,1% das opcións de busca de información sobre libros na sociedade (2,5% en 2017). Ainda que se mellore con respecto ao ano anterior non deixa de ser un dato ridículo. Algo falla ao dispormos de grandes catálogos con moitas referencias e títulos cando non somos capaces de aparecer en posición máis destacada.
Tempo libre e lugares de lectura:
Os lectores no seu tempo libre aumentan en xeral en toda España. En Galicia, malia aumentar con respecto ao ano anterior, sigue por debaixo da media de lectores do estado.O incremento desde o 2017 no estado foi de 2,1 puntos mentras que en Galicia aumento só 1 punto porcentual. O incremento vivido o ano 2017 con respecto ao barómetro de 2012 pudo ser un espellismo ao afastarnos de novo da media estatal e sendo superado por outras comunidades.
As bibliotecas non ocupan un papel importante na lectura no tempo libre e ademais o seu peso diminúe con respecto ao barómetro anterior 3,6% (frente ao 3,9% de 2017): o grupo máis alto de lectores nas bibliotecas é no grupo de idade dos 10 aos 14 anos co 5,6%, descendendo a partir dese momento nos restantes grupos de idade. Diminúe ademais o número de lectores con respecto ao barómetro anterior.
O último libro lido só foi aportado pola biblioteca nun 6,9% (8% en 2017). Foi baixando en todos os barómetros representando en 2012 o 9,5%. Os usuarios buscan os libros na biblioteca case na penúltima posición. Non temos todo o que demandan nin nos prazos que aos usuarios lles gustaría…
Valoración e uso das bibliotecas:
No valoración das bibliotecas, que fan as persoas entrevistadas de máis de 14 anos, Galicia é valorada cun 7,9, a mesma valoración que se daba en 2012 e 2017, por debaixo da media española dun 8,1 (baixando tamén con respecto ao 2017), e ocupando o penúltimo posto na valoración das bibliotecas.
Segundo a enquisa un 35% da poboación maior de 14 anos é socia de algunha biblioteca (36,8% en 2018) e o 31,2% utiliza as bibliotecas (31,9 en 2017). Baixada importante con respecto ao 2012 é o das persoas que usaron frecuentemente as bibliotecas, un 27,4% en 2018 (28,3 en 2017)
Moitas das causas que as persoas entrevistadas alegan para non utilizar as bibliotecas están cuestións persoais como a falta de tempo, falta de interese ou costume ou conseguir os libros por outros medios. Sen embargo hai unha serie de causas, que representan o 6% dos motivos alegados que son responsabilidade das bibliotecas e das administracións que as manteñen (7,5% en 2017). Estas son:
- non existen bibliotecas
- non encontra libros que lle interese
- non coñece ningunha ou non sabe onde está
- o horario non é adecuado
CONCLUSIÓNS
Como observamos nos datos tirados do barómetro quédanos moito que mellorar para facer das bibliotecas galegas un servizo útil e necesario para a cidadanía. Os datos son preocupantes xa que se mostran piores que no barómetro de 2012 o que indica que nos estamos afastando das necesidades reais dos nosos usuarios.
1) A administración ten unha responsabilidade importante: aínda habendo melloras nos últimos anos, os resultados non son os suficentes como sinalan os datos do barómetro. Dentro das administracións temos que sinalar que non todas teñen a mesma implicación e así como detectamos un grande esforzo na Xunta de Galicia, e en menor medida na Deputación da Coruña, non podemos dicir o mesmo do resto das deputacións e, salvo honrosas excepcións, da maioría dos concellos galegos que non están a facer esforzos no mantemento das súas bibliotecas.
Volvemos incidir como noutras ocasións que é necesario a implicación de todas as administración no desenvolvemento de servizos bibliotecarios de calidade. É necesario que as Deputacións apoien os servizos nos concellos, sobre todo naqueles menores e con poboación máis dispersa, dotándoos de servizos de calidade.
2) O ensino na nosa lingua volve a ser fundamental. Xa sinalamos noutras ocasións, e niso coincidimos con outros actores sociais, que o decreto do “trilingüismo” da Xunta está sendo prexudicial para a nosa lingua. Hai que volver a un sistema escolar que poña a nosa lingua nun primeiro plano na escola e que fomente a autoestima e o prestixio do uso social da lingua.
3) Da mesma maneira que se agruparon no barómetro as diferentes variantes do catalán, tal vez sería mellor que en próximos barómetros se incluise a lectura en portugués. Sería unha forma de coñecer o índice de lectores galegos que len noutra variante da nosa lingua. De todas as maneiras a lectura en portugués no conxunto do estado está por baixo do 0,6% polo que non sae reflectido no barómetro. Pensamos que para nós sería importante coñecer este dato xa que se sumaría aos lectores na nosa lingua.
4) Temos que agradecer o papel das escolas e as bibliotecas escolares e de programas de fomento e dinamización do galego como o Apego, que acaban tendo os seus frutos xa que os mellores resultados do barómetro se encontran entre os nenos e nenas: tanto en uso da biblioteca como da lectura en galego.
5) A industria editorial galega, aínda que ten razón no indicado máis arriba, ten que facer tamén autocrítica. Temos que indicar de novo como sinalamos antes que unha porcentaxe importante das persoas entrevistadas (39,1%) indica que non le en galego porque non existe a tradución ou non o atopou na nosa lingua. Aquí tamén hai que falar na demora nas traducións ou na “estratexia” de algunhas editoras de sacar case simultaneamente libros en galego e castellano. É necesario que existan liñas de apoio á edición e á tradución de obras. Mais tamén é necesaria unha diversificación das materias das publicacións.
6) É preciso contarmos cun plan de fomento da lectura que implique a toda a sociedade. O Plan Galego de Dinamización da Lectura que se integrará na Estratexia da Cultura Galega 2021, que está deseñando a Xunta de Galicia, pode ser un bo comezo de implicar a toda a sociedade na fomento da lectura. Non temos que esquecer que debemos utilizar todos os canais e medios de comunicación ao noso alcance: televisións e radios públicas e accións concretas para os canais en internet: web, video, redes sociais… E fai imprescindible levar a lectura aos sectores que non len, número importante, como se recolle no barómetro.
7) Por último, aínda que non menos importante, deixamos para o final o papel das bibliotecas nestes resultados do barómetro.
As causas “endóxenas” polo que os posibles usuarios non asisten á biblioteca son menores que no anterior barómetro polo que as posibilidades de mellora neste campo vense reducidas: non hai biblioteca na localidade, non atopa os libros nas bibliotecas, non coñece bibliotecas ou non lle convén o horario. Isto quere dicir que as estratexias para atraer aos non lectores teñen que dirixirse ás persoas que non teñen interese na lectura ou tempo para ler. De novo ten a ver co necesario Plan de dinamización da lectura.
Temos que sinalar que a baixada do número de socios das bibliotecas no caso galego pode deberse á fusión dos datos das bibliotecas públicas que pasaron a formar parte do catálogo colectivo, fusionando desta maneira os datos de persoas que antes eran socias de varias bibliotecas.
As bibliotecas teñen a necesidade de adaptarse ás demandas da sociedade. Aparecen como compartimentos estancos no seu entorno e, no caso galego, continúa tendo un peso moi importante o estudo sobre os outros usos da biblioteca. É necesario crear ou dotar de servizos bibliotecarios aqueles concellos que non os teñen e, no caso das bibliotecas existentes, é preciso revisar as instalacións e os espazos bibliotecarios, os equipamentos, principalmente aqueles que teñen a ver coas novas tecnoloxías, os computadores de uso públicos e os servizos de wifi e préstamo de equipamentos (compuatadores, lectores de libros electrónicos, dispositivos de xogos…).
A biblioteca ten que seguir ofrecendo servizos demandados pola sociedade, ten que poder acceder ás novidades editoriais con maior inmediatez para adiantarse á distribución a través doutros canais.Hai que implantar servizos de interese para a cidadanía: formación en usos tecnolóxicos, espazos de encontro, formativos de reunión de entidades da localidade…
Finalmente: a bilioteca tense que facerse imprescindible no seu entorno: para iso terá que integrar os seus servizos na súa comunidade, ofertar novos servizos e actividades, achegase aos non lectores e buscar formas de atraelos. En resumo, deixar o espazo de comodidade no que nos encontramos e arriscarnos a facer, a innovar e a crear.
Xoán Manuel Pérez Lijó
Bibliotecario
Categorías:Bibliotecas, Libros e Leitura, Noticias Bamad