BAMAD Galicia ante os Orzamentos 2024 para Bibliotecas da Xunta de Galicia


O proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2024 incrementa o presuposto destinado a bibliotecas 481.308€ con respecto a 2023. Continúan a ser orzamentos conservadores para dotar o país dunha rede eficaz e próxima á cidadanía, pero valoramos positivamente o incremento malia que con reservas en determinados aspectos.

No ano 2024 as bibliotecas públicas de Galicia contarán cun crecemento orzamentario. Nun contexto de incremento xeral dos Orzamentos da Xunta, este crecemento céntrase fundamentalmente na partida de promoción da lectura e do libro (6402) e a de actividades difusoras da cultura en bibliotecas itinerantes (64007) que suman 398.942 € do total do orzamento mentres outras partidas continúan conxeladas ou con incrementos mínimos.

Os datos poden visualizarse nas gráficas máis abaixo nas que indicamos as cifras entre os anos 2019 e 2024. En todas houbo un incremento paulatino desde que se comezaron a recuperar os orzamentos desde o 2012 (excepto en 2022 onde houbo unha baixada do mesmo), pero chama a atención que existan partidas que non variaron dende 2019, como a de equipalmento da rede e mobiliario (6251) ou a subvención para a adquisición de novidades editoriais en galego (7602).

Queremos sinalar algunhas cuestións que nos parecen preocupantes, por encima das cantidades sinaladas que desde a nosa Asociación seguen a parecernos de importancia:

1) Ano tras ano vimos demandando a necesidade de desenvolver a Lei de Bibliotecas fomentando a cooperación entre as distintas administracións: Concellos, Deputacións e Xunta, o que debería permitir dotar as bibliotecas municipais de mellores servizos, instalacións, equipamento e persoal. Pero pensamos que deberíamos ser máis ambiciosos e, tomando como marco as Directrices do Consello de Europa/EBLIDA sobre lexislación e políticas bibliotecarias en Europa elaboradas polo grupo de expertos de EBLIDA (EGIL – Expert Group on Information Law), abrir un proceso cara á elaboración dunha nova Lei de Bibliotecas que permita colocar a lexislación bibliotecaria galega na vangarda a nivel estatal. Ademais, sería interesante en paralelo ir preparando o desenvolvemento daqueles aspectos que a Lei precisara para evitar dilacións como as que suceden na actualidade.

2) Este ano un importante aumento orzamentario vai destinado ao reforzo do servizo de bibliotecas itinerantes que foi posto en marcha en 2023, e que nos orzamentos anteriores xa contara cun forte incremento da súa partida. Sendo firmes defensores deste tipo de servizos, queremos indicar que un reparto máis equilibrado das partidas permitiría un crecemento máis harmónico da Rede, e sería un sinal positivo da decisión da Consellería de Cultura de reforzala. Por iso consideramos que se trata duns orzamentos moi conservadores, deixando o resto das partidas para o conxunto da Rede de Bibliotecas conxelados ou con subidas que non semellan suficientes.

3) De novo lamentamos que non se apoie o Servizo de Bibliotecas cun orzamento que permita unha maior dotación de persoal que poida prestar máis servizos e incrementar o apoio á rede: formación, asesoramento, axuda na migración e implantación de novas ferramentas, seguimento e apoio aos procesos de convocatorias de selección de persoal nos concellos, etc.

Os profesionais das bibliotecas reclamamos mellores partidas para as bibliotecas e o desenvolvemento integral de políticas de fomento do libro e da lectura coa participación de todo o sector: as diversas administracións, empresas e o persoal profesional. E insistimos na necesidade de dotar de persoal suficiente os servizos encargados do desenvolvemento das políticas de xestión da Rede de Bibliotecas de Galicia e do Sistema de Xestión Integrado da Rede, o que permitiría a correcta identificación das carencias e actuacións máis coordinadas e axustadas á realidade.

A Xunta Directiva de Bamad Galicia

A Coruña, 10 de novembro de 2024

Cadro comparativo e gráficos de Bibliotecas 2019-2024

 201920202021202220232024
Bolsas formación (4800)216940216940216940217140217140217140
Equipamento da rede (mobiliario) (6251)900009000090000900009000090000
Lotes fundacionais (6281)495000495000495000395000609301609301
Edición libro galego (lotes fundacionais) (6282)1710601710601710602143014671750333
Obras e reparacións na rede de bibliotecas de Galicia (6322)600006000060000600006000090000
Promoción da lectura e do libro (6402)185000185000207356207356207356507356
Actividades culturais e animación á lectura e bibliotecas (6405)98000138000138000138000140740174979
Formación (6400)105001050010500105001050018000
Sistema Bibliotecario e Formación bibliotecaria (6401)335000335000335000335000335000342011
Axudas a entes locais para investimentos en bibliotecas (7601)350000350000362000362000362000362000
Subvencións para adquisicións de novidades editoriais en galego (7602)200000200000200000200000200000200000
Axudas dinamización bibliotecas municipais (7603)198000198000201000201000201000201000
Actividades difusoras da cultura en bibliotecas itinerantes (64007)110000110000110000110000205000303942
Total251950025595002596856254029726847543166062

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.