Nun contexto no que se define novamente como o “maior orzamento da historia de Galicia”, moitas das partidas dedicadas a investimentos en arquivos no orzamento de Cultura están conxeladas na práctica ou cun escaso aumento. Tamén resulta chamativo o descenso da partida dedicada a proxectos e informes e dirección en materia de arquivos (6283) despois dun importante incremento no 2023, unha vez rematados os efectos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia, dos Fondos NextGeneration da Unión Europea.
Dentro dos aspectos positivos, podemos salientar un decidido aumento na partida dedicada a Axudas a entes locais para investimentos en arquivos (7600) que estaba conxelada dende 2019 e a de Obras de conservación de arquivos (6321) conxelada desde 2021.
Con este orzamentos será difícil desenvolver o Plan de Arquivos da Xunta de Galicia. Como abordar a creación de arquivos como os Xerais Territoriais da Coruña, Ourense, e Ferrol (locais, mobiliario, andeis etc.)? Como abordar as necesidades de espazo dos arquivos existentes? Como abordar axudas á contratación de arquivistas para os arquivos municipais dos concellos máis pequenos? Como implantar a perspectiva de xénero nos centros con estas dotacións?
Desde BAMAD Galicia entendemos que é preciso aumentar o esforzo orzamentario dedicado aos arquivos de maneira máis decidida e intensa, o que permitiría un normal desenvolvemento das súas funcións e vencer a infradotación que levan arrastrando desde xa hai demasiado tempo. Malia os aspectos positivos detectados, semella que ante unha realidade alcista nos custos e prezos, poden quedar diluídos e trocarse novamente en eivas para colocar o sistema arquivístico no lugar que os profesionais consideramos que deben ter dentro dunha sociedade que afronta transformacións cada vez máis veloces e disruptoras.
Este orzamento non permitirá a creación dos arquivos que a propia Lei de Arquivos e Documentos prevé, e impedirá atender os novos retos con ferramentas, locais, medios e persoal suficiente. Galicia precisa duns arquivos propios do século XXI que dean servizo á sociedade cos recursos necesarios para adaptarnos a un mundo en constante transformación.
A Xunta Directiva de Bamad Galicia
A Coruña, 10 de novembro de 2024
Cadro comparativo e gráficos de Arquivos 2019-2024
| 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 | 2024 | |
| Bolsas para conservación do Patrimonio documental en arquivos (4801) | 107406 | 107406 | 107406 | 114000 | 114000 | 114000 |
| Maquinaria, instalacións e utensilios de arquivos. Adquisicións (6231) | 17200 | 17200 | 17200 | 17200 | 17200 | 26000 |
| Mobiliario e útiles de arquivos (6252) | 24000 | 24000 | 24000 | 24000 | 24000 | 30000 |
| Proxectos e informes e dirección en materia de arquivos (6283) | 135000 | 135000 | 200000 | 200000 | 259875 | 225000 |
| Adquisicións e restauración do patrimonio documental (6284) | 23336 | 23336 | 23336 | 23336 | 23336 | 23336 |
| Publicacións en materia de arquivos (6286) | 10000 | 10000 | 10000 | 10000 | 10000 | 10000 |
| Obras de conservación de arquivos (6321) | 35000 | 35000 | 50000 | 50000 | 50000 | 75000 |
| Actividades difusoras e de promoción de arquivos e patrimonio documental (6404) | 161250 | 200000 | 200000 | 200000 | 200000 | 200000 |
| Axudas a entes locais para investimentos en arquivos (7600) | 100000 | 110000 | 110000 | 110000 | 110000 | 150000 |
| Actuacións de promoción, xestión, adquisición e dirección de arquivos (64000) | 10000 | 10000 | 10000 | 10000 | 10000 | 10000 |
| Total | 623192 | 671942 | 751942 | 758536 | 818411 | 863336 |

Categorías:Arquivos, Noticias Bamad