Con motivo da celebración do 8 de marzo, BAMAD Galicia quere unirse ao chamamento da ONU recollido neste ano 2026 baixo o lema “Dereitos. Xustiza. Acción para TODAS as mulleres e as nenas”, buscando derrubar as barreiras que dificultan a igualdade fronte á xustiza e a existencia de leis discriminatorias, proteccións xurídicas débiles e prácticas e normas sociais que erosionan os dereitos das mulleres e das nenas.
Este chamamento ten especial significado no contexto actual, onde os conflitos, a represión, as tensións políticas exercen presión sobre os sistemas xudiciais e debilitan o Estado de Dereito.
Como consecuencia, as persoas ven reducida a súa protección legal fronte á inxustiza, e moi especialmente as mulleres e as nenas son rexeitadas, ignoradas, revitimizadas, discriminadas, explotadas e privadas de apoio xurídico nun sistema ao que a igualdade parece non chegar nunca. BAMAD Galicia concorda con este chamamento, asume a necesidade de igualdade tamén no ámbito da xustiza, estimando que desde os arquivos, as bibliotecas, os museos e os centros de documentación é necesario sumarse a esta xusta demanda que contribuirá á creación dunha memoria igualitaria, na que se impliquen non só as e os profesionais actuais, senón tamén os que virán.

Categorías:Arquivos, Bibliotecas, Centros de Documentación, Cultura e Patrimonio, Museos, Noticias Bamad