Esta mesma semana, BAMAD Galicia vén de dirixirse tanto aos reitores como á dirección das bibliotecas das tres universidades galegas para transmitirlles unha profunda preocupación pola utilización nesas institucións públicas do sistema informático de xestión bibliotecaria Alma, da empresa Ex Libris, e, en último termo, a necesidade de rescindir o contrato con ela.
A empresa Clarivate, actual propietaria do software, ten a súa sede no Parque Tecnolóxico de Malha, un territorio palestino ocupado. A dependencia das nosas universidades públicas dunha empresa do Estado de Israel que está incumprindo todas as resolucións da ONU, ignorando os dereitos humanos máis elementais e cometendo xenocidio en Gaza, é algo inadmisible. O investimento en Alma/Ex Libris supón apoiar materialmente o xenocidio e a limpeza étnica en Palestina, algo que a asociación rexeita absolutamente.
É por iso que BAMAD solicitou á USC, á UDC e á UVigo que estuden a forma de terminar con esa dependencia de Ex Libris e de todos os seus produtos asociados o antes posible. A información é un recurso estratéxico, e por tanto resulta hipócrita non facer extensible á empresa Ex Libris o embargo imposto polo goberno do Estado ás empresas de armamento. O uso deste sistema de xestión en cada vez máis bibliotecas, entre elas todas as universitarias galegas, debería ser revisado polas implicacións éticas da mesma e como forma de boicot ao estado xenocida de Israel.
Unha vez rematado o tempo de adxudicación coa empresa, debería publicarse un novo concurso e especificarse no mesmo as cláusulas éticas que as empresas deben cumprir, asegurando desta maneira a posibilidade de que empresas que participan do xenocidio ou da vulneración dos dereitos humanos, non poidan participar de concursos públicos nin seren financiadas con diñeiro público, como xa están a facer moitas institucións en Europa que deixan fóra de concurso a empresas que incumpren cláusulas sociais ou de dereitos humanos. Neste sentido, as bibliotecas deben facer valer o seu papel como garantes da liberdade democrática e do dereito á información.
BAMAD Galicia súmase así á campaña promovida a nivel internacional por BDS (Boicot, Desinvestimentos e Sancións) contra empresas que apoian o sionismo e a outras solicitudes similares presentadas por profesionais do estado como se pode ver neste envío na lista profesional IWETEL que se realizou á BNE, ao reitores da CRUE e ao CSIC.
Diario Público, 16/06/2025
“Cultura dejará de contratar el software israelí que usa la Biblioteca Nacional”
El Diario, 06/10/2025
Ademais, BAMAD Galicia e FESABID, federación da que forma parte, presentaron nas últimas Jornadas Españolas de Información y Documentación celebradas en Vitoria-Gasteiz en xuño deste ano o manifesto Por la paz y el fin del genocidio en Palestina, asinado por máis de 20 organizacións e 600 profesionais do Estado e que foi enviado ao Ministerio de Cultura solicitando que se rescinda todo tipo de colaboración co Estado de Israel.
Categorías:Bibliotecas, Bibliotecas universitarias, Noticias Bamad