BAMAD-Galicia, a asociación de profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, ven de coñecer unha resolución do Consello de Contas de Galicia do pasado 26 de xuño, que modifica outra de 2 de febreiro de 2018 pola que se creou e regulou a Comisión Técnica de Arquivo e Xestión Documental do propio Consello de Contas, anunciada no DOG núm. 127, de 4 de xullo de 2025.
Nesta resolución, o Consello de Contas de Galicia indica que se deben separar as que denomina actuacións en materia arquivística e documental, das que chama de consolidación da Administración electrónica, que, como sabemos todos, salvo o dito Consello, son interdependentes e complementarias, e esixen a concorrencia do arquivo tanto coma a de tecnólogos e xestores.
Con ela, o Consello de Contas dálle as costas á lexislación actual sobre a materia, e pon en risco a implementación e desenvolvemento da administración electrónica no seu seo, esquecendo, como mínimo que:
- A Xestión documental é función propia e específica do arquivo, cuxa acción se estende á organización no seu conxunto, é consubstancial á xestión administrativa xeral, como manifestan reiteradamente as Normas Técnicas Internacionais sobre a materia adoptadas por España, entre outras, UNE-IS0 15489-1:2016, UNE-ISO 30300:2021 ou UNE-ISO 30301:2019.
- O Arquivo electrónico é a clave de bóveda do procedemento administrativo deseñado na lei 39/2015, de 1 de outubro do Procedemento administrativo común das administracións públicas, desenvolvido por RD de 30 de marzo, ao garantir coa súa existencia a autenticidade, integridade e preservación dos documentos.
- A normativa, tamén a de Galicia, en materia de arquivos e documentos e de administración dixital incide na integración da xestión documental e a xestión administrativa, cos arquivos no centro como se sinala nas leis 7/2014 de Arquivos e documentos de Galicia e 4/2019 do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
- A definición dos procesos de xestión de documentos electrónicos, segundo o apartado VI da Norma Técnica de Interoperabilidade de Política de xestión de documentos, é o aspecto esencial de calquera política de xestión de documentos, procesos que levan a cabo os profesionais dos arquivos no exercicio da súa profesión (captura, rexistro, clasificación, descrición, acceso, cualificación, conservación, transferencia, destrución e eliminación de documentos), neste caso traspostos ao ámbito da administración electrónica, no que hai profesionais de arquivos perfectamente formados para seguiren a planificar e executar as súas tarefas, sen que existan outros eidos profesionais capaces de substituílos
- Para poñer en marcha e soster con garantías de éxito a administración electrónica nunha organización é indispensable, como a experiencia demostra, a colaboración interdisciplinar entre as persoas que se ocupan la elaboración dos documentos, das que se encargan das tecnoloxías da información e das que se ocupan dos arquivos do Pais, arquivistas.
Solicitamos, pois ao Consello de Contas de Galicia que recapacite sobre a conveniencia ou non de rectificar esta resolución, que ven incidir no desmantelamento do subsistema de arquivos da institución iniciado xa coa non cobertura da Xefatura do Arquivo do devandito Consello, vacante desde 2021, decisión cuxa conveniencia invitamos a revisar tamén.
Por último, desexamos indicarlle que estamos ao seu dispor, se precisa información e/ou asesoría.
BAMAD-Galicia 8 de xullo de 2025
Categorías:Arquivos, Noticias Bamad