
Nas XIX Xornadas Españolas de Información e Documentación (JEID), organizadas por FESABID e celebradas en Vitoria-Gasteiz os días 5 e 6 de xuño de 2025, resultou premiado o póster da nosa compañeira e socia Fátima Canosa Pena, da Biblioteca Pública Municipal de Narón, baixo o título “Redes que transforman: o asociacionismo GLAM”.

O asociacionismo é unha ferramenta fundamental para o fortalecemento do sector GLAM (Galerías, Bibliotecas, Arquivos e Museos), xa que nos permite aos e ás profesionais compartir coñecementos, defender intereses comúns e adaptármonos aos novos desafíos tecnolóxicos e sociais.
O obxectivo do póster é visibilizar dun xeito gráfico a importancia das asociacións no sector GLAM, que ademais de poñer en valor as propias institucións e empoderarnos como profesionais, son axentes transformadores cun impacto directo na sociedade mediante o impulso dunha cultura accesible, inclusiva, sustentable e xusta.
Como sinala Fátima, ser parte dunha asociación GLAM contribúe a garantir un acceso equitativo á información e á cultura. Grazas a estas redes promóvense iniciativas de formación, impúlsanse proxectos innovadores e deféndense dereitos fundamentais para a cidadanía, como a liberdade de acceso á información, á cultura e á aprendizaxe. Para os profesionais, as asociacións son puntos de apoio, de estímulo ao crecemento, renovación e colaboración a través do cal levar a cabo o noso labor.
Ao participar nestas redes estamos contribuíndo a unha sociedade máis inclusiva, informada e culturalmente enriquecida, na que o coñecemento, o patrimonio e a aprendizaxe sigan sendo accesibles para toda a poboación.

Categorías:Arquivos, Bibliotecas, Centros de Documentación, Museos, Noticias Bamad, Xornadas e Congresos
1 reply ›