
A Asemblea extraordinaria de FESABID celebrada en Vitoria-Gasteiz o día 4 de xuño no marco das JEID2025 acordou aprobar esta declaración. Bamad Galicia como entidade membro de FESABID apoiou e asinou a declaración.
Pola paz e o fin do xenocidio en Palestina. Declaración de profesionais e docentes de institucións culturais e documentais.
As persoas e entidades asinantes, que formamos parte do colectivo de profesionais das institucións culturais e documentais, solidarizámonos co sufrimento do pobo palestino e reclamamos que se declare un cesar o fogo definitivo, para que non morra ningún ser humano máis polos bombardeamentos indiscriminados e a fame como arma de guerra.
De acordo co expresado polas nosas organizacións profesionais como a IFLA, tamén mostramos o noso rexeitamento á destrución de bibliotecas, coleccións e bens culturais de todo tipo que forman parte da identidade palestina, porque a cultura e as institucións que a gardan constitúen parte do patrimonio compartido pola Humanidade. Os arquivos, bibliotecas e museos son pilares fundamentais na construción e preservación da identidade dun pobo, as súas raíces, as súas tradicións e a súa herdanza cultural. Son espazos que respectan a diversidade e o diálogo interxeracional, xa qeu non só gardan a cultura dominante, senón tamén as expresións das minorías ou dos grupos marxinados, permitindo unha identidade máis inclusiva e plural. Velar polos arquivos, bibliotecas e museos é fundamental para reconstruír a memoria, a identidade cultural e garantir a xustiza para os pobos.
Os e as profesionais de arquivos, bibliotecas, servizos de información e museos temos a responsabilidade de que as nosas institucións contribúan a lograr unha sociedad informada na que se respecte o dereito internacional humanitario e se protexa a vida da poboación civil, incluindo a de profesionais da información como xornalistas ou xestores de información, que están sendo vítimas pola súa defensa da liberdade de información.
As nosas institucións deben ser referentes da defensa dos valores universais de coñecemento, verdade, xustiza e paz. O noso compromiso cos dereitos humanos e a cooperación entre os pobos obríganos a non admitir o inadmisible, a non normalizar o xenocidio do pobo palestino. Por dignidade, por xustiza e porque non queremos que o silencio nos faga ser cómplices, alzamos a voz e reclamamos a paz e o respecto ao Dereito Internacional que debe velar polos dereitos humanos.
Se compartes esta declaración, podes sumarte asinando aquí: Formulario de adhesión
Categorías:Cultura e Patrimonio, Noticias Bamad