Bamad Galicia ante o “Proxecto de edificio para uso de sala de lectura do Concello de Vigo” en Teis


O Concello de Vigo está a realizar un proxecto de obra nun edificio cedido polo Ministerio de Traballo, no ano  2018, en Teis. Este edificio foi cedido para se destinado para servizos públicos municipais (biblioteca pública).

O edificio orixinal foi declarado ruinoso e decidiuse a súa demolición e a construción dun novo edificio que pasa de 5 plantas no edificio antigo a 2 plantas na nova construción, e dunha superficie no antigo de máis de 1.000 m2 a menos de 250 m2 de superficie útil no novo edificio.

Orixinalmente, o que se define como biblioteca no “Informe de xustificación da conveniencia e idoneidade da contratación do servizo para actualización do proxecto de obras de reforma do inmoble situado na rúa Enrique Lorenzo nº 54 (Teis) para uso de biblioteca”, acaba convertido no “Proxecto de edificio para uso de sala de lectura do Concello de Vigo”.

Non entramos a valorar se o cambio de uso de biblioteca pública a sala de lectura é legal no proceso de cesión do edificio desde o Ministerio, en todo caso teríamos que cuestionar se o proxecto actual cumpre o requisito para o que foi orixinalmente cedido.

Desde Bamad Galicia, como Asociación de Profesionais das Bibliotecas, Arquivos, Museos e Centros de Documentación de Galicia, entendemos que a proposta do goberno municipal de Vigo é de dotar dunha nova sala de estudo a este barrio caendo na confusión entre o que son salas de estudo, salas de lectura e bibliotecas.

O Concello de Vigo xa conta con 3 salas de estudo con capacidade de algo máis de 600 postos.

A cidade máis poboada de Galicia conta cunha única biblioteca central territorial do Concello e da Xunta, a BP Juan Compañel, e unha única biblioteca municipal a BPM Neira Vilas cunha superficie moi escasa de 300 m2.

Vigo precisa dotarse dunha rede de BIBLIOTECAS municipais para poder atender o conxunto da súa poboación. A creación de salas de estudo poden paliar as necesidades de un tipo de usuarios vinculado ao estudantado e aos opositores para a realización de exames. Pero esta tipoloxía de usuarios é só unha pequena parte da poboación e unicamente demanda salas silenciosas con mesas, cadeiras e wifi, pero non é o único servizo que debe atender unha biblioteca pública, e desde logo non é o máis importante.

As salas de lectura teñen que ir vinculadas á existencia de fondos bibliográficos, xa que non se entende a lectura pública se non está relacionada co acceso directo aos fondos documentais da biblioteca, onde se poidan consultar, libros, revistas, xornais e outros materiais como audiovisuais e sonoros e o acceso á internet. Polo tanto a sala de lectura debe estar integrada nunha BIBLIOTECA.

A Biblioteca é algo máis que un contentor. O edificio non son os servizos: O que define unha biblioteca pública son os servizos que debe prestar, e estes veñen definidos polas normas internacionais da IFLA (Asociación Internacional de Bibliotecas Profesionais das Bibliotecas) e da UNESCO: a Biblioteca pública debe atender á lectura, ao lecer, á  formación e á educación da cidadanía.

O Concello de Vigo quere crear un novo edificio sen contido bibliotecario

Para o seu coñecemento recomendámoslle a lectura do libro de Santi Romero, La Arquitectura de la biblioteca: recomendaciones para un proyecto integral (https://www.diba.cat/es/web/biblioteques/publicacions-i-documents/detall/-/contingut/16060163/pd-arquitectura-de-la-biblioteca-la-recomendaciones-para-un-proyecto-integral). Esta obra é utilizada internacionalmente, e a propia UNESCO a recomenda á hora de abordar proxectos bibliotecarios. Xa que a Biblioteca, como dixemos máis arriba, non é un contentor, senón que é un conxunto de servizos que se articulan ao redor dun edificio que os ofrece.

Para crear unha biblioteca, esta debe conter fondos bibliográficos e documentais e debe contar con persoal especializado, técnico e auxiliar, que sexa quen de organizar eses fondos de maneira profesional, para que con eses fondos documentais se poda fomentar o acceso á lectura, ao lecer, á formación e á educación ao longo da vida, que é a finalidade para a que se crean as Bibliotecas públicas.

Desta maneira, o Concello de Vigo está desaproveitando a oportunidade de dotarse de servizos bibliotecarios para ofrecerllos á cidadanía.

O II Mapa de Bibliotecas de Galicia, https://rbgalicia.xunta.gal/sites/default/files/media/document/2023-11/II%20Mapa_bibliotecas_publicas_Galicia.pdf, recolle estas eivas na dotación bibliotecaria da cidade determinadas no Anexo VI do Mapa: fichas de diagnose individualizadas por concello, que indican o resultado de avaliar cada servizo bibliotecario aplicando os indicadores establecidos (pax 599-601) https://rbgalicia.xunta.gal/sites/default/files/media/document/2023-11/ii_mapa_bibliotecas_-_anexo_vi_0.pdf

  • Unha colección pequena para o número de habitantes do concello
  • A existencia de poucos exemplares por habitante
  • Unha porcentaxe pequena de fondos en galego
  • Ademais hai que sinalar que precisamente indica que a superficie útil bibliotecaria da cidade está por debaixo do que debería ter. 3.389 m2 de superficie útil bibliotecaria frente aos 6.000 m2 cos que debería contar a cidade.
  • Tamén sinala o déficit no número de postos de lectura, que como sinalamos máis arriba non son postos en salas de estudo, senón postos de lectura vinculados á biblioteca, estando dotada só do 35% dos postos que a cidade debería ter.

Se ademais temos en conta que Teis é un barrio importante e populoso da cidade con entre 15.000 e 20.000 habitantes, aplicando os estándares determinados polo Mapa, este barrio debería ter por si só unha biblioteca con algunhas destas características extraídas dos estándares que indica o propio Mapa de Bibliotecas de Galicia, que se deberían adaptar para o barrio tendo en conta o conxunto da cidade:

 Vigo (concello máis 100.000 hab.)Teis (barrio entre 15.000 e 20.000 hab.) (De 10.000 a 20.000 hab. son os servizos indicados no Mapa)
Colección documentalratio 1,5 doc/habitanteratio 2 doc/habitante
Superficie útil bibliotecaria6.000 m2800 m2 (a sala de lectura proxectada é de 231m2 de superficie útil)
Postos de lectura3/1.000 hab.6/1.000 hab.
Apertura, horas apertura semanal125 h./semanais (enténdese que é con máis de un servizo de atención)35 h./semanais
Persoal Total Técnico Resto persoal auxiliar  30 7,5 (25%) 22,5  2,5 0,5 (20%) 2
Dinamización500 actividades/ano no conxunto da cidade60 actividades ano nunha biblioteca para ese tamaño de poboación
Investimento por habitante5€8€

A Biblioteca Pública do Estado en Vigo

O proxecto de BP do Estado en Vigo está estancado. A indecisión das tres administracións implicadas, e a falta de política bibliotecaria do concello, impiden levar a bo porto a creación deste servizo longo tempo anunciado e totalmente paralizado.

O Concello de Vigo debería apostar por liderar este proxecto e poñer de acordo as institucións implicadas. A cidade necesita con urxencia estar dotada dun servizo bibliotecario público de calidade que poida ser un motor cultural para a cidade.

A Biblioteca Pública Juan Compañel

A creación da prometida biblioteca pública do estado non debe impedir que a BP Juan Compañel continúa a súa actividade como servizo bibliotecario.

Esta biblioteca debería ser o xerme dunha biblioteca central municipal que continuase os servizos actuais e dirixise a rede de bibliotecas municipais necesaria para a cidade. Esta rede debería estar constituída pola BP Juan Compañel, a BPM Neira Vilas e esta biblioteca proxectada en Teis, se finalmente cumpre ese cometido, que serían o inicio dunha rede que levase os servizos bibliotecarios a toda a cidade.

A cidade das luces

Se o concello se dotase dun bo Plan xestor de Servizos Bibliotecarios podería con este xerme levar os servizos bibliotecarios a toda a cidade, continuando despois o desenvolvemento destes servizos noutros barrios e parroquias do concello. Servizos que fosen un faro cultural para a cidadanía. Converter a cidade nun faro que ilumine a cidadanía cos seus servizos culturais e sociais, fomente e dinamice a lectura, constrúa e promova a cultura, axude á alfabetización dixital procurando rematar coa fenda dixital na sociedade, contribúa á atención á diversidade social e cultural… e sexa en fin un servizo aberto a toda a cidadanía sen exclusións para o acceso á lectura, ao lecer, á formación e á educación.

Aproveitar a oportunidade

O Concello de Vigo debería aproveitar a ocasión de dotar a cidade e o barrio de Teis de servizos bibliotecarios de calidade . Esta sería unha boa oportunidade para crear unha rede de bibliotecas municipais que, xunto á xa existente BPM Neira Vilas, poidan iniciar a dotación de bibliotecas en todos os barrios e achegar os servizos bibliotecarios á maioría da poboación da cidade.

Bamad Galicia 29 de maio de 2025

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.