Memoria Actividades Bamad Galicia 2024


Presentación da Memoria de actividades 2024 de Bamad Galicia

Presentamos a Memoria anual de actividades da Asociación de profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, BAMAD Galicia, correspondente ao ano 2024. Como en anos anteriores, os eixos de traballo foron: a defensa das nosas profesións, a realización de actividades formativas e o contacto coas persoas asociadas. Neste ano temos que sinalar, dentro da Defensa da profesión, a continuación do traballo de cara a unha segunda convocatoria da Acreditación profesional en Bibliotecas na que BAMAD pasará a ter un papel de acompañamento durante o proceso e tamén a realización das xornadas “Á procura do pasado para armar o futuro: O rural e as institucións da memoria”.

Medios de comunicación:

En 2024 continúa a tendencia iniciada no 2023 de aumento do número de seguidores nas redes sociais e descenso no número de lectores, visitas e seguidores da web. Porén, si aumentou a nosa presenza nos medios de comunicación debido, principalmente, á celebración das xornadas sobre memoria rural organizadas en Lugo no mes de novembro.

A nosa imaxe e comunicación cara ao exterior mantivémola a través da web, Facebook, X e do canal de vídeos de Youtube pese a que aínda non están subidos os vídeos das xornadas de novembro. A nosa estratexia comunicativa segue a centrarse nas redes sociais, sobre todo X e en menor medida Facebook, en detrimento da web. Os pasos a seguir nun futuro próximo serían abrir contas tanto en Mastodon como en Bluesky e potencialas para que cheguen a ser as canles de comunicación prioritarias, así como dar un maior pulo á páxina web.

Defensa da Profesión:

Ante a defensa das nosas profesións continuamos co seguimento de actuacións de algunhas administracións, principalmente a local, e dirixímonos a varios concellos reclamando actuacións ante as convocatorias de prazas de persoal de arquivos e bibliotecas. Temos que sinalar que algún concello se dirixiu a nós pedíndonos asesoramento ante a convocatoria de prazas o que indica que as nosas reclamacións e propostas acaban sendo recoñecidas.

Neste mesmo tema, participamos activamente do Grupo de traballo de Defensa da Profesión de Fesabid. En 2024 celebramos en San Sebastián un encontro sobre contratación social responsable nas administracións con varios participantes galegos.

Temos que sinalar o logro de conseguir finalmente que se realizase a convocatoria da Acreditación profesional en Bibliotecas en 2023, rematado o proceso en 2024. De feito nesta memoria dedicamos un apartado especial que recolle parte do traballo feito e que non se podería ter logrado sen a colaboración desinteresada das persoas socias que o impulsaron. Bamad actuou como entidade colaboradora no proceso en 2023, en 2024 só realizaremos labores de acompañamento ás persoas inscritas no proceso.

Colaboración Institucional:

Participamos activamente do Consello de Cooperación Bibliotecaria e colaboramos co Servizo do Sistema de Bibliotecas e co Servizo do Libro con propostas realizadas nos consellos de Melloras na rede de bibliotecas.

Continúa, ademais, a boa relación durante este ano cos partidos políticos na oposición, BNG e PSdG, chegando incluso a manter unha reunión coas Xuventudes Socialistas para transmitirlles a situación na que se atopan os nosos sectores profesionais e, sobre todo, as nosas demandas cara os poderes públicos e as nosas necesidades máis inminentes.

Ofertas de emprego e bolsas de emprego e formación:

O envío de ofertas ás persoas asociadas descendeu de xeito significativo, o que se explica, principalmente, pola fin dos procesos de estabilización. É por iso que, en 2024, o número de ofertas enviadas baixou a 223, 575 menos que en 2023. A maior parte delas correspóndense con bolsas e ofertas tanto públicas coma privadas de fóra de Galicia e, por sectores profesionais, ao de bibliotecas.

Formación:

En 2024 realizamos tres actividades formativas. Destacan as realizadas en colaboración con outras entidades coas que repetimos colaboración, a organizada en conxunto con ByD Canarias, e tamén a realizada por encargo da Fegamp.

De enorme importancia foi a realización, os días 29 e 30 de novembro, das xornadas “Á procura do pasado para armar o futuro: O rural e as institucións da memoria” que reuniron a 16 relatores e 55 inscritos na cidade de Lugo para falar de arquivos, bibliotecas e museos no rural, presentando distintas iniciativas que se están a desenvolver en Galicia e no resto de España para dar servizos de calidade ás zonas en risco de despoboamento e tamén para preservar e divulgar a súa memoria. O balance final das xornadas foi enormemente positivo, con grande asistencia de público, un alto impacto en redes socias, medios institucionais e prensa e co proxecto de publicación das actas ao longo de 2025.

Ademais, o Servizo de Bibliotecas organizou as VI Xornadas de Bibliotecas públicas de Galicia baixo o lema “Conservar para nós. A conservación nas bibliotecas públicas” que difundimos activamente nas nosas redes sociais e o VII Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, no que volvimos a participar na comisión de valoración.

Persoas socias:

Ao igual que en anos anteriores, as persoas asociadas a BAMAD poden desgravar ante Facenda na declaración do IRPF de 2024 a cota da asociación. O mantemento da declaración da utilidade pública da asociación implica un maior traballo administrativo para poder facer fronte á documentación que se require anualmente ante o rexistro de asociacións e facenda.

Relacionámonos coas persoas asociadas a través do correo electrónico e as redes sociais. Intentamos que a transparencia sexa un dos nosos eixos principais de traballo e informar puntualmente de todas as actuacións da Asociación realizadas desde a Directiva. Continuamos ademais a tendencia que xa se iniciou o pasado ano de priorizar a divulgación a través das redes sociais, deixando nun segundo plano a lista de información xeral, e mantemos a exclusividade da información de ofertas de emprego só para as persoas socias.

En 2024 o número de persoas asociadas sufriu un lixeiro descenso polo incremento do número de baixas, que superaron ás altas, de tal xeito que o número de persoas asociadas activas é de 192. Cada vez é máis difícil facer que novos profesionais de sumen a BAMAD Galicia, situación que nos leva a facer máis fincapé na divulgación dos nosos servizos e actividades. Neste sentido consideramos fundamental conseguir chegar cada vez a máis xente e transmitirlles a importancia da súa pertenza á asociación para poder exercer maior forza como colectivo.

Neste aspecto temos que destacar a implicación de novas persoas asociadas que, sen estar na directiva, colaboran coa asociación aportando o seu tempo e traballo, polo que estamos enormemente agradecidos.

A Xunta Directiva, Marzo 2025

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.