1 de maio: Por unhas condicións laborais dignas nos arquivos


Na semana que se celebra o 1º de Maio, e lembrando que un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, o número 8, fala de “Promover o crecemento económico sostido, inclusivo e sustentable, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todos”, queremos destacar un fito importante nesta materia: a renovación, en 2024 do convenio colectivo sectorial para os e as xestoras da información e documentación de Guipúscoa (código 20104415012022), tras a súa consecución e aprobación inicial en 2022. Un logro que contou co apoio e o empeño dos nosos compañeiros de ALDEE, a Asociación Vasca de Profesionais de Arquivos, Bibliotecas e Centros de Documentación.

Conscientes das nosas limitacións neste ámbito pero co ánimo de seguir este camiño, varias asociacións profesionais de arquiveiros e xestores documentais queremos lembrar neste 1º de maio a importancia de que os arquivos conten con suficiente persoal, cualificado e con boas condicións laborais.

Con ese motivo, iniciamos unha campaña en redes sociais reclamando #TraballoDignoArquivos a través das seguintes propostas:

  • Estabilidade laboral dos traballadores: A calidade do servizo público necesita a estabilidade dos seus empregados, tanto no sector público como no privado. A externalización dos servizos implica unha precariedade crónica dos traballadores, con contratos de curta duración e condicións salariais pésimas.

#ArquivosPrecariedadeCero

  • Creación e dotación efectiva de postos de traballo con perfil e competencias específicas de arquivos: A escasa dotación dos persoais dos arquivos públicos mantida ao longo do tempo repercute directamente na calidade do servizo.

#DotaciónCadrosdePersoalArquivos

  • Definición e adecuación dos distintos perfís e competencias arquivísticas profesionais a condicións laborais axeitadas: Acabar coa indefinición actual de funcións contribúe á mellora do servizo.

#PolaDefinicióndeCompetenciasProfesionais

  • Propiciar as condicións necesarias para a consecución dun convenio colectivo sectorial, a través da negociación colectiva: A principal ferramenta para o establecemento de condicións laborais, especialmente as salariais, é a negociación colectiva.

#PorunConvenioColectivoSectorial

  • Apostar por unha contratación pública que impulse a mellora das condicións salariais e o fomento de políticas sociais: A externalización dos servizos implica unha precariedade crónica dos traballadores, con contratos de curta duración e condicións salariais pésimas.

#PorunhaContrataciónPúblicadeCalidade

  • Establecemento de requisitos de formación especializada: A formación específica é fundamental para garantir a calidade do servizo, evitando o intrusismo profesional.

#PorunhaFormaciónEspecializadaEsixible

  • Asegurar a substitución xeracional dos postos de traballo dos arquivos: A mellora das condicións laborais dos traballadores dos arquivos lograría evitar indesexables procesos de redistribución, reasignación ou extinción de postos de traballo mal deseñados ou retribuidos.

#PoloFuturodaProfesión

Categorías:Arquivos, Noticias Bamad

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.