A cidade de Pontevedra acolle o XXVI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil entre o 21 de marzo e o 6 de abril de 2025 co cine como leitmotiv e con Francia como país convidado.

Co gallo do 130 aniversario do nacemento do cinema, o Salón Internacional do Libro de Pontevedra fainos unha oferta que non podemos rexeitar. Algo máis de 300 actividades dirixidas a todos os públicos, e en especial a bebés, rapazada e mocidade, que xirarán en torno ao lema “Luces, cámara, acción… Xa chegou o Salón”.
O programa articúlase en torno a 9 tipos de actividades distintas: sesións de contos, obradoiros, animación á lectura, cinema, teatro e espectáculos, música e concertos, visitas e camiñadas, faladoiros e exposicións que se desenvolverán en tres ubicacións senlleiras da cidade como son o Pazo da Cultura, o Recinto Feiral e o Teatro Principal.
Ao longo dos 18 días que durará o Salón, do 21 de marzo ao 6 de abril, destacan varias datas significativas.
- 21 de marzo: Día da Poesía e da Narración Oral
- 27 de marzo: Día Mundial do Teatro
- 1 de abril: Día das Artes Galegas
- 2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil coa entrega dos Premios Lazarillo 2024.
Francia é o país convidado deste 2025, polo que o Salón do Libro explorará a relación entre Galicia e o país galo a través de múltiples actividades específicas, incluíndo unha versión en galego do musical “Miserábeis” da man da comunidade educativa do IES Illa de Ons de Bueu.
Xunto a isto, a Orbil Parade, sete estatuas da mascota do Salón, o lobo ORBIL, que estarán espalladas pola cidade. Unha delas será intervida artisticamente polo alumnado do bacharelato artístico do IES Frei Martín Sarmiento e outra estará no Pazo da Cultura.
Tedes toda a información do Salón xunto coas instrucións para a reserva de actividades, venda de entradas, troca e préstamo de libros na web salondolibro.gal. Porque os libros, ao igual que os filmes, están feitos do material do que se forxan os soños.
Categorías:Formación outras entidades, Libros e Leitura