
O 8 de marzo de 2025 unímonos á ONU na celebración do Día Internacional da Muller co lema: “Para TODAS as mulleres e nenas: Dereitos. Igualdade. Empoderamento”.
Segundo esta Organización Internacional, o tema deste ano representa un chamamento á acción que poida ampliar a igualdade de dereitos, poder e oportunidades para todas, e un futuro feminista onde ninguén quede atrás. Empoderar a próxima xeración é fundamental para esta idea: a mocidade, especialmente as mulleres e as nenas, serán as protagonistas dun cambio duradeiro.
O ano 2025 é un momento fundamental na procura mundial pola igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres, xa que se conmemora o 30 aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing. Adoptado por 189 gobernos ao remate da IV Conferencia Mundial sobre a Muller, celebrada en 1995 na cidade de Beijing, o documento segue a ser o instrumento máis progresista para promover os dereitos das mulleres e nenas en todo o mundo, gozando dun amplo apoio.
BAMAD Galicia asume como asociación que a igualdade é un eixo fundamental de desenvolvemento e xustiza social, tamén nos arquivos, bibliotecas e museos, onde a visibilización e recoñecemento das mulleres contribuirá á construción dunha memoria representativa e xusta, e para iso precisamos o compromiso das novas xeracións.
Categorías:Noticias Bamad