A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de publicar o informe sobre o impacto económico e social da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Este informe ten como obxectivo amosar á poboación o valor que lle achegan á sociedade e á economía da Comunidade Autónoma os servizos bibliotecarios da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que se ofrecen de forma gratuíta.
Apoiado en traballos precedentes como El valor económico y social de los servicios de información: bibliotecas realizado por FESABID, a investigación do Gobierno de Navarra Estudio de impacto socioeconómico de las Bibliotecas en la Comunidad Foral de Navarra ou o estudo da Diputació de Barcelona titulado El retorno a la inversión de la Red de Bibliotecas Municipales de la provincia de Barcelona e partindo da análise de datos estatísticos e da realización de enquisas tanto a persoas usuarias dos servizos bibliotecarios como a persoas non usuarias, a través do método de cálculo do retorno do investimento (ROI), estimouse un beneficio de entre 3,85€ e 6,53€ por cada euro investido. Para este cálculo, o retorno mínimo realizouse a través da metodoloxía de asignación de prezos de mercado (APM) e indica que, por cada euro investido na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, a cidadanía obtén servizos que no mercado terían un valor de 3,85€ mentres que a cifra de retorno máximo calculouse a través da metodoloxía da valoración continxente (VC), é dicir, o que as persoas usuarias estarían dispostas a pagar polos servizos bibliotecarios en caso de que se prestaran a través dunha empresa privada.

A conclusión deste estudo é que os servizos bibliotecarios públicos son un investimento rendible desde o punto de vista económico. O retorno xerado e que recibe o conxunto da cidadanía como consecuencia deste investimento é positivo.
Ademais, o informe confirma a boa consideración dos servizos ofrecidos polas bibliotecas públicas galegas e a súa importancia desde o punto de vista social. Case a totalidade da poboación galega opina que as bibliotecas son un espazo de encontro e convivencia para a comunidade o que contribúe á cohesión social e ao benestar das persoas.
Acompañando ao informe, deseñouse unha ferramenta dinámica que permite calcular o valor dos servizos que ofrecen as bibliotecas, de maneira que a cidadanía pode coñecer o valor económico dos servizos bibliotecarios que usa. Con esta ferramenta pódese coñecer o valor económico de calquera biblioteca introducindo os seus datos, de xeito que tamén é útil para determinar o impacto económico dunha biblioteca ou unha rede. Pode consultarse na seguinte ligazón.
VALORACIÓN DE BAMAD
Desde BAMAD Galicia valoramos moi positivamente este tipo de traballos, que permiten a transposición a datos medibles de aspectos abstractos e axudan a coñecer mellor o retorno económico e social que as bibliotecas ofrecemos á sociedade. Cos datos tirados deste informe, podemos reafirmar o noso convencemento de que as bibliotecas somos un investimento e non un gasto. Pero non deberiamos quedarcoa foto fixa que o informe ofrece. Debería funcionar como ferramenta de cara a conseguir unha implicación máis firme das administracións no desenvolvemento das bibliotecas, pero tamén da mellora das condicións do persoal que está detrás deste servizo vital para a sociedade.
Tamén somos conscientes da inquedanza que a elaboración das enquisas produciu entre boa parte do persoal traballador en servizos bibliotecarios, por considerar que se estaba a buscar armas de cara a defender posibles externalizacións de servizos. Parece evidente que cos datos xa na man, os servizos bibliotecarios dan un importantísimo retorno, e consideramos que este servizo debería ser prestado por empregados públicos que garanten a continuidade na calidade da prestación e son altamente rendibles para a administración e para a sociedade.

Categorías:Bibliotecas públicas, Noticias Bamad