Xestión documental e arquivos para unha administración aberta


BAMAD Galicia únese a outras asociacións profesionais de arquivistas e xestores da documentación na celebración da Semana Internacional da Administración Aberta, do 10 ao 16 de xuño de 2024.

Xunto coa campaña especial de difusión que faremos en redes sociais baixo o lema #ArquivosPorUnhaAdministraciónAberta, querémosvos facer chegar tamén o manifesto que reproducimos a continuación e que foi subscrito polas seguintes entidades:

  • Asociación de Archiveros en la Función Pública (AEFP)
  • ANABAD Federación
  • ACAL
  • BAMAD Galicia
  • ANABAD Cantabria
  • Associació Professional d’Arxivers i Gestors de Documents Valencians
  • AEDOM
  • AAA
  • COBDCV
  • FESABID
  • Asociación de Archiveros de Extremadura
  • Associació de Professionals de l’Arxivística i la Gestió de Documents de Catalunya
  • Asociación de Archiveros de la Iglesia en España
  • ANABAD-E
  • SEDIC

MANIFESTO: XESTIÓN DOCUMENTAL E ARQUIVOS PARA UNHA ADMINISTRACIÓN ABERTA


Varias asociacións profesionais de arquivistas e xestores documentais colaboramos e participamos en común na estratexia de co-creación do V Plan de Goberno Aberto 2024-2028, coa finalidade de pór en valor a xestión documental e os arquivos como ferramentas fundamentais para unha Administración Aberta.


Impulsados pola asociación Archiveros Españoles en la Función Pública (AEFP), por ser  membro representante da sociedade civil no Foro do Goberno Aberto, varias asociacións profesionais do sector coordinamos e presentamos diferentes propostas específicas sobre xestión documental e arquivos, no período de consulta pública do V Plan de Goberno Aberto, e estamos participando no proceso previsto para a súa implantación e aprobación definitiva.


Durante a Semana da Administración Aberta e após a celebración da Semana Internacional dos Arquivos, as asociacións participantes que asinamos este manifesto queremos dar a coñecer e salientar a importancia e o valor dos principios e as técnicas da xestión documental e de arquivo para lograr unha verdadeira Administración Aberta. #ArchivosPorUnaAdministraciónAbierta #ArquivosPorUnhaAdministraciónAberta


Entre as medidas propostas coas que participamos neste proceso, destacamos as seguintes:


> Desenvolvemento dun Sistema de Xestión de Documentos Electrónicos (SGDE) que contribúa a controlar a obriga de publicidade activa dos documentos, ao mesmo tempo que a confidencialidade da información e protección de datos persoais, polo Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública para a súa posta a disposición ao resto das administracións. #SistemaGestiónDocumentosElectrónicos #SistemaXestiónDocumentosElectrónicos

> Elaboración e implantación dunha Política de Xestión de Documentos Electrónicos Común. O deseño e uso de todo tipo de aplicacións tramitadoras, sen metadatos en moitos casos, e a ausencia dun sistema de xestión de documentos electrónicos que permita capturar os documentos desde o mesmo momento do seu ingreso, a través do rexistro ou da súa creación polas unidades, impide garantir a cadea ininterrumpida de custodia documental e a mesma existencia de documentos e expedientes electrónicos. #NoMásPérdidaDocumental #NonMáisPerdaDocumental

> Revisión e harmonización da normativa vixente en materia de Acceso á Información Pública, incluíndo tanto as de carácter patrimonial, as de transparencia e as de protección de datos. Resulta incoherente que un mesmo documento teña dous, ou incluso tres, réximes diferentes de acceso en función de que se encontre en arquivos centrais, intermedios e históricos. #RégimenÚnicoDocumentaciónPública #RéximeÚnicoDocumentaciónPública

> Creación dun modelo de avaliación da transparencia desde a perspectiva de xestión documental. Os modelos de avaliación de transparencia e acceso non teñen en conta nin a calidade e estructura dos datos nin a xeración de documentación auténtica, fiábel, íntegra, actualizada, perdurábel e accesíbel. #ModeloEvaluaciónTransparenciaDocumental #ModeloAvaliaciónTransparenciaDocumental

> Creación de espazos de co-creación e de participación arquivística entre cidadanía e as Administracións Públicas, para fomentar a creación de documentos públicos con visión 360 grados e a definición da orixe dos datos que son necesarios para alimentar as propostas dos plans de goberno. #EspaciosParticipaciónArchivística #EspazosParticipaciónArquivística

> Formación do persoal ao servizo das Administracións Públicas en xestión documental e de arquivos, pola súa relación coa transparencia e o dereito de acceso á información pública, para adquirir competencias nos procesos de xestión dos documentos, en calquera formato, físico ou electrónico, xerados polas administracións públicas no exercicio das súas funcións, que son os que inclúen a información obxecto de transparencia activa e/ou pasiva, a integridade e a rendición de contas e a súa reutilización posterior pola sociedade. #FormaciónDocumentalEmpleadosPúblicos #FormaciónDocumentalEmpregadosPúblicos

> Unificar as referencias e coordinación entre unidades de información e os servizos de arquivo e asunción explícita da función de xestión documental en todas as Administracións Públicas. Sen xestión documental unha administración pública non pode garantir transparencia activa nin acceso á información. A existencia de unidades de información en materia de transparencia sen contar coa existencia dos servizos de arquivo provoca situacións de tensión organizativa, sendo necesaria tanto a colaboración de ambos os servizos, como, incluso, prever a unificación das unidades de transparencia dentro dos imprescindíbeis servizos de arquivo. #SinArchivosNoHayTransparencia #SenArquivosNonHaiTransparencia

Segue toda a información sobre o V Plan de Goberno Aberto:
https://transparencia.gob.es/transparencia/transparencia_Home/index/Gobierno-abierto/Participa/Consulta-publica-V-plan-de-Gobierno-Abierto.html

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.