Memoria Actividades Bamad Galicia 2023


Presentación da Memoria de actividades 2023 de Bamad Galicia

Memoria anual de actividades da Asociación de profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, Bamad Galicia, correspondente ao ano 2023.

Presentamos a Memoria anual de actividades da Asociación de profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentaciónde Galicia, Bamad Galicia, correspondente ao ano 2023. Como en anos anteriores, os eixos de traballo foron: a defensa das nosas profesións, a realización de actividades formativas e o contacto coas persoas asociadas. Neste ano temos que sinalar, dentro da Defensa da profesión, o traballo que se realizou para realizar a Acreditación profesional en Bibliotecas.

Medios de comunicación:

En 2023 avanzamos na presenza social aumentando o número de seguidores nas redes sociais, porén baixamos no número de lectores, visitas e seguidores da web. Tivemos escasa presenza nos medios de comunicación con publicacións da nosa opinión e comunicados sobre diferentes temas profesionais.

A nosa imaxe e comunicación cara ao exterior mantivémola a través da web, de Facebook, Twitter. e do canal de vídeos de Youtube. Diminuiu en grande medida, con respecto a 2022, o número de artigos publicados na web que non é o lugar onde máis xente nos sigue. O seguimento nas redes sociais continúa a aumentar. A páxina de Facebook, crece pouco a pouco en seguidores e no Twitter temos moita presenza malia que non ofrecemos un traballo de difusión continuo nas redes. O canal de Youtube comezado en abril de 2022 vai tendo pouco a pouco máis seguidores. Temos que destacar neste aspecto que o aumento de seguimento nas redes é considerable ao contarmos cunha persoa directiva encargada das Redes sociais.

Defensa da Profesión:

Ante a defensa das nosas profesións foi un ano intenso de seguimento de actuacións de algunhas administracións, principalmente a local, dirixímonos a varios concellos reclamando actuacións ante as convocatorias de prazas de persoal de arquivos e bibliotecas. Temos que sinalar que persoal de varios concellos se dirixiu a nós pedíndonos asesoramento ante a convocatoria de prazas o que indica que as nosas reclamacións e propostas acaban sendo recoñecidas. É de sinalar o caso da convocatoria de prazas de persoal de bibliotecas de Ferrol onde se conseguiu que se nomeasen profesionais para a tribunal de selección.

Neste mesmo tema, participamos activamente do Grupo de traballo de Defensa da Profesión de Fesabid. Este ano tentouse establecer dentro deste GT unha sección de traballo sobre o convenio colectivo para a nosa profesión. Presentouse nas JEID 23 en Granada a concurso de humor gráfico e trabállase en reclamacións ante procesos selectivos.

É de destacar o GT de Defensa da Profesión de Bamad que este ano comezou a traballar en dous aspectos, en relación co GT de Fesabid da mesma temática: no convenio colectivo e na Acreditación Profesional. O traballo realizado na acreditación impediunos desenvolver os outros aspectos do GT.

Temos que sinalar o logro de conseguir finalmente que se realizase a convocatoria da Acreditación profesional en Bibliotecas. De feito nesta memoria dedicamos un apartado especial, o 5.2, no que se recolle boa parte do traballo feito e que non se podería ter logrado sen a colaboración desinteresada das persoas socias que o impulsaron, ademais da persoa que se contratou durante dous meses para colaborar no traballo de inscrición e de acceso á plataforma ARA. Bamad actuou como entidade colaboradora no proceso, no que contamos co inestimable apoio do Servizo de Acreditacións e do Servizo do Sistema de Bibliotecas da Consellaría de Educación e Cultura.

Colaboración Institucional:

Participamos activamente dos Consellos de Cooperación Bibliotecaria e Asesor do Libro e da Lectura. Colaboramos activamente co Servizo do Sistema de Bibliotecas e co Servizo do Libro con propostas realizadas nos consellos de Melloras na rede de bibliotecas.

Temos que destacar a boa relación durante este ano cos partidos políticos na oposición, BNG e PSdG, que nos demandan información ou consultan os temas antes de levar propostas ou ter que participar en debates.

Ofertas de emprego e bolsas de emprego e formación:

O máis destacado de 2022 e 2023 foron as convocatorias de estabilización laboral, mediante concurso e concurso-oposición, realizadas polas administracións públicas que nos tivo todo o ano facendo seguimento e enviando as convocatorias ás persoas socias, nun número que excede con moito os envíos de ofertas realizados en anos anteriores estando próximos aos 1.000 envíos de ofertas de todo tipo, incluíndo as de estabilización. Isto supón 500 máis có ano 2023 e un total de 2536 prazas comunicadas a través do correo electrónico.

Formación:

En 2023 realizamos seis actividades formativas, todas elas gratuítas para as persoas socias. Destacan as realizadas en colaboración con outras entidades como o Salón do Libro de Pontevedra, coa que repetimos colaboración, a organizada en conxunto con Aldee e Byd Canarias e tres realizadas por encargo para a Fegamp e a Deputación da Coruña. Coa Fegamp llevamos anos ofrecéndolles a xestión de cursos e en 2023 estreamos a nosa colaboración coa Deputación da Coruña.

É de destacar a realización o 6 de maio da xornada polo noso 40º aniversario que nos xuntou con compañeiros e compañeiras das entidades da “Alianza do Cantábrico” e con persoas socias nunha xornada de formación e convivio.

O Servizo de Bibliotecas organizou as V Xornadas de Bibliotecas públicas de Galicia e o V Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, na primeira actividade colaboramos difundindo a actividade e no premio fomos convidados a participar no xurado do mesmo.

Persoas socias:

De novo as persoas asociadas a Bamad poden desgravar ante facenda na declaración do IRPF de 2023 a cota da asociación. O mantemento da declaración da utilidade pública da asociación implica un maior traballo administrativo para poder facer fronte á documentación que se require anualmente ante o rexistro de asociacións e facenda.

Relacionámonos coas persoas asociadas a través do correo electrónico e as redes sociais. Intentamos que a transparencia sexa un dos nosos eixos principais de traballo e informar puntualmente de todas as actuacións da Asociación realizadas desde a Directiva. Mantemos comunicación puntualmente con persoas non socias a través de lista de información xeral. Pero esta liña estase utilizando cada vez menos ante a difusión nas redes sociais. Mantemos en exclusividade a información de ofertas de emprego só para persoas socias.

Neste ano aumentou o número de persoas asociadas, houbo máis altas que baixas, acadando as 193 persoas socias. Sabemos que son tempos difíciles, que custa implicarse, asociarse e participar, pero entendemos que é necesario, polo que seguimos traballando para contar con máis persoas asociadas e máis persoas implicadas na vida da asociación.

Neste aspecto temos que destacar a implicación de novas persoas asociadas que, sen estar na directiva, colaboran coa asociación aportando o seu tempo e traballo, polo que estamos enormemente agradecidos.

Memoria de actividades 2023 completa.

A Xunta Directiva

Marzo 2024

Categorías:Noticias Bamad

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.