O pasado sábado 16 de marzo, tras a celebración da asemblea xeral ordinaria de BAMAD Galicia no auditorio do Museo das Peregrinacións e de Santiago da capital galega, foi subscrito o convenio de colaboración con Arquiveiros sen Fronteiras (AsF) que se materializará en diversos aspectos como a formación de persoas en materia de arquivística, xestión de documentos e gobernanza da información e dos datos no ámbito da cooperación e o activismo arquivístico e tamén na realización e difusión de actos, xornadas, proxectos e outras actividades que se desenvolvan, tanto de xeito conxunto como individual.
Por parte de AsF asistiron ao acto a coordinadora de proxectos, Ariadna Morente Pagès, e a súa presidenta, Núria Carreras Font, que fixo unha presentación sobre a asociación, os valores que a guían e os eixos sobre os que se desenvolven as súas actividades. A continuación, a propia Núria Carreras asinou o convenio xunto á presidenta de BAMAD Galicia, Olimpia López Rodríguez.

AsF é unha organización non gubernamental sen ánimo de lucro formada por arquivistas voluntarios que colaboran no desenvolvemento de proxectos de cooperación no ámbito da arquivística e o patrimonio documental. Naceu 1998 na cidade de Barcelona por impulso dun grupo de arquivistas que se foran implicando a título individual en accións de solidaridade e cooperación no ámbito dos arquivos en países do sur global.
A misión actual de AsF é cooperar e impulsar a conservación de aqueles fondos documentais que están en perigo de desaparición, garantindo a súa conservación e correcto tratamento para que poidan ser postos a disposición da sociedade.
Tedes máis información dispoñible na súa web https://arxivers.org/es/
Categorías:Arquivos, Noticias Bamad
1 reply ›