Certificación Profesional

Certificación Profesional en Bibliotecas

Introdución

Bamad Galicia consciente da precariedade laboral da nosa profesión:

  • Contratación laboral nas administracións e nas empresas en categorías inferiores ou con contratos parciais.
  • Postos en bibliotecas ocupados por profesionais sen titulación ou titulación inferior á necesaria para desenvolver o traballo.
  • Non existencia de estudos de formación profesional no eido bibliotecario.
  • Acceso ás prazas de bibliotecas de persoal non cualificado

Ante esta situación Bamad Galicia, como asociación profesional comprometida en velar polos intereses da nosa profesión, insta as diferentes administracións que, en cumprimento das súas competencias, provean os mecanismos necesarios para regularizar a contratación, as funcións, e dotar de estabilidade ao persoal bibliotecario. Un dos camiños que permite este recoñecemento é a Certificación Profesional, unha ferramenta sinxela e fácil de implementar.

Para conseguir este obxectivo contamos co interese e a colaboración do Servizo de Bibliotecas da Xunta de Galicia para que exista esta certificación profesional.

Que é a certificación profesional?

Os certificados acreditan o conxunto de competencias profesionais que capacitan para o desenvolvemento dunha actividade laboral identificable no sistema produtivo sen que sexa constitutivo de regulación do exercicio profesional.

Estes certificados profesionais son promovidos pola Unión Europea, teñen carácter oficial e son validos en todo o territorio do Estado. Son expedidos polo SEPE e os órganos competentes das Comunidades Autónomas.

En que consiste o procedemento de acreditación de competencias profesionais?

É un procedemento que permite ás persoas que teñan experiencia laboral e/ou formación non formal sen acreditar, obter unha acreditación oficial de cualificacións profesionais incluídas en determinados certificados de profesionalidade.

Por que temos esta inicitiva?

  • Por que non existe unha carreira profesional con titulación específica de bibliotecas que abarque todos os corpos, existindo só titulación superior en biblioteconomía, información e documentación.
  • Por que é necesario dignificar a nosa profesión co recoñecemento da mesma.
  • Por que é necesario contar cunha titulación que sexa recoñecida e poda ser tida en conta nos procesos selectivos de bibliotecas.
  • Para que permita regularizar a contratación e as funcións a desenvolver.
  • Para loitar contra o intrusismo profesional ou evitar no futuro que persoas sen formación específica podan acceder a postos de traballo en bibliotecas.

Quen pode acceder?

  • Quen non teña formación regrada específica en bibliotecas
  • Quen teña titulación superior específica en bibliotecas pero queira presentarse a postos de traballo inferior á súa titulación
  • Quen teña titulación superior, non específica en bibliotecas, e estexa ocupando un posto inferior á súa titulación
  • Persoas sen titulación regrada pero con coñecementos en bibliotecas
  • Persoas sen titulación e con experiencia laboral

Que é necesario?

(Como mínimo unha destas tres opcións)

  • Posuir experiencia laboral de, polo menos, tres anos con un mínimo de 2000 horas traballadas nos últimos 10 anos.
  • Posuir experiencia como persoa voluntaria/bolseira: de, polo menos, tres anos con un mínimo de 2000 horas traballadas nos últimos 10 anos.
  • Non cumprir os requisitos da experiencia laboral pero si a formación non formal: máis de 300 horas nos últimos 10 anos.

Para que vale este certificado?

  • Para dignificar e poñer en valor o noso traballo.
  • Para recoñecer os nosos coñecementos, habilidades practicas e actitudes para desempeñar o traballo,
  • Para acreditar competencias profesionais mediante a experiencia laboral ou de vías non formais da formación (títulos de cursos de formación en biblioteconomía)

Que nos aporta ter este certificado?

  • Mellora da competitividade e da calidade no emprego
  • O recoñecemento profesional
  • Mellora das cualificacións profesionais
  • Unha titulación e certificación laboral
  • Posibilidades de aportar a certificación como mérito
  • Demandar que no futuro poder ser tida en conta nos procesos selectivos
  • Posibilidade de permitir a algunhas persoas o acceso a estudos superiores (correspóndese cunha FP de grao superior).

A que postos de traballo podería acceder con esta certificación?

  • Auxiliar de bibliotecas
  • Auxiliar técnico de bibliotecas

Neste momento a administración non demanda a certificación porque tampouco existe en Galicia. A nosa intención é que cando a certificación estexa implantada as administracións e empresas podan demandar este título para acceder a estes postos de traballo.

Canto custa o proceso de certificación?

Nas convocatorias do ano 2019 este é o custe: matrícula: 20,40€, e cada unidade competencial: 10,20€ (4 unidades na certificación de bibliotecas).

Exención de taxas para persoas desempregadas ou con recoñecemento de minusvalia igual ou superior ao 33%.

Quen convoca?

O Instituto Galego das Cualificacións (IGC) é o órgano da Consellaría de Economía, Emprego e Industria, encargado de xestionar en Galicia os certificados de profesionalidade.

Canto tempo temos para conseguir a certificación?

O IGC convoca anualmente as certificacións profesionais. No caso da certificación específica de bibliotecas consta de 4 unidades competenciais que se poden superar nunha ou en varias convocatorias.

Cando se convoca?

O IGC comprométese a poñer en marcha o proceso unha vez que exista un número suficiente de persoas con interese en obter esta Certificación.

En caso de conseguir ese número de persoas comprometida, poderíase comezar a convocatoria no ano 2020.

Tes interese en obter este certificado?

Se é así completa este formulario para que podamos poñernos en contacto contigo.

Tes dúbidas?

Consulta estes videos sobre o recoñecemento da experiencia laboral:

Educación Formal

Desde Bamad Galicia estamos traballando para que se cree unha especialidade en bibliotecas na Formación Profesional regrada.

Ensino das competencias profesionais en bibliotecas

Actualmente non existe formación específica en bibliotecas na FP en Galicia. Existen módulos que tratan estes temas en ramas de Animación sociocultural, Educación infantil e  Documentación Sanitaria.

Está nas nosas intencións explorar tamén a vía de que se poda crear unha titulación específica de FP en biblioteconomía que permitiría equiparar o título e convalidar as unidades competenciais superadas no proceso de certificación.

Acceder a titulación superior

Esta certificación é unha titulación oficial equivalente a unha FP de grao superior. Sen embargo, ao non estar regulado como unha FP,  para poder acceder a estudos superiores habería que contar cunha titulación que o permita.

Documentación

Documentación para persoas candidatas

Guia da persoa candidata: Manual de Procedemento para o Recoñecemento das Competencias Profesionais Adquiridas por Experiencia Laboral

Ficha: Certificado de Profesionalidade

Ficha: Cualificación Profesional: Prestación de servizos bibliotecarios

Guía: Procedemento de Avaliación e acreditación das competencias profesionais

Convocatoria Andalucia 2019: convocatoria anual del procedimiento de evaluación y acreditación de las competencias profesionales adquiridas a través de la experiencia laboral o de vías no formales de formación, para las unidades de competencia de determinadas cualificaciones profesionales

Documentación para persoas avaliadoras

Guía da persoa avaliadora

Perfil persoa asesora e avaliadora

Lexislación:

BOE 04/08/2011: Cualificación profesional: Prestación de servizos bibliotecarios. Familia Profesional: Servizos Socioculturais e á Comunidade

BOE 21/12/2011: Real Decreto 1697/2011, de 18 de novembro, polo que se establecen cinco certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos socioculturais e á comunidade que se inclúen no Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade.

BOE 17/03/2022:  Real Decreto 151/2022, de 22 de febrero, por el que se actualizan determinadas cualificaciones profesionales de las familias profesionales Hostelería y Turismo, Marítimo-Pesquera, Seguridad y Medio Ambiente, y Servicios Socioculturales y a la Comunidad, recogidas en el Catálogo Nacional de Cualificaciones Profesionales

Máis información